O Ganapán regresa esta fin de semana coas receitas máis doces e talleres de confección de mini bonecas de papel e monstriños barullentos

O programa municipal O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para promover o lecer infantil no Mercado de Abastos, regresa esta fin de semana para os nenos e nenas de 4 a 10 anos cunha irresistible proposta que marida á perfección as receitas máis doces con divertidos talleres de manualidades. Así, os máis pequenos poderán deixar voar a súa imaxinación o sábado 12 de febreiro no Espazo Crea cun obradoiro no que confeccionarán unhas chulísimas e divertidas mini bonecas de papel, ideais para xogar ou para facer un agasallo, mentres que o domingo 13 de febreiro terán ocasión de crear e personalizar un monstriño barullento e súper simpático.


No que atinxe ao eido gastronómico, na xornada do sábado desenvolverase un taller culinario no que os rapaces elaborarán un crumble de mazás e peras, unha sobremesa orixinaria de Gran Bretaña a base de froitas de outono e inverno, e na do domingo outro no que cociñarán uns roliños de cheesecake e arandos, “unha combinación de sabores” que, como sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “fai que esta receita sexa irresistible”. “De novo, un Ganapán perfecto para traer friameira e poñer o mandil, con dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas”, asegura a edil socialista.


Todos aqueles nenos e nenas que desexen participar deberán inscribirse previamente no email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades.

Compartir publicación: