O primeiro pleno será o vindeiro 14 de febreiro, data na que se debatirá a ratificación do Orzamento municipal de 2022, logo de ser desestimadas seis alegacións presentadas por sindicatos.
O Concello de Pontevedra, a través da Xunta de Goberno, vén de aprobar os Orzamentos municipais de 2022 logo de rexeitar as alegacións presentadas polos sindicatos UGT, CCOO, SPPME, CIG, CSIF e Afumpo ao non axustarse aos motivos taxados na lei.
Esta aprobación deberá ser ratificada polo pleno municipal que se celebrará, en sesión extraordinaria, o vindeiro 14 de febreiro no Pazo da Deputación provincial.
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, explicou que esa será a sede dos plenos municipais nos vindeiros meses mentres o Teatro Principal estea en obras. Agradeceu o trato extraordinario, colaborativo e amábel que se está recibindo por parte de todos os servizos provinciais implicados neste “préstemo”.
Pola súa banda, o Concello axustarase a toda a normativa provincial en materia de plenos: ocupación dos escanos por parte dos concelleiros, distribución da prensa, entrada de público ao salón de plenos…, agás os tempos de intervencións e o procedemento municipal que será o propio do Concello de Pontevedra.
Ademais, debido a problemas de carácter técnico non se poderá dispor de intérprete en linguaxe de signos.