O xurado valora a orixinalidade da historia desta alumna do IES Valle Inclán, a súa capacidade expresiva e a posta en valor da ciencia como ferramenta de progreso e axuda
O xurado valora a orixinalidade da historia desta alumna do IES Valle Inclán, a súa capacidade expresiva e a posta en valor da ciencia como ferramenta de progreso e axuda
O I Certame de relatos curtos “A muller e a nena na ciencia” xa ten gañadora: a alumna do IES Valle Inclán, Claudia Veiras Troitiño (15 anos), polo seu traballo “Pequenas accións, grandes resultados”. O certame forma parte das actividades organizadas polo Concello de Pontevedra, en colaboración con GCiencia, co gallo do 11 de Febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
O xurado valorou a orixinalidade do texto -unha historia de superación persoal dunha nena africana e de compromiso cos seus – , a capacidade expresiva da narradora, a posta en valor da ciencia como ferramenta de progreso e mellora de vida das persoas e da comunidade e a denuncia da loita desigual das mulleres para acadar os seus soños.
Reunido na tarde do luns, o xurado decidiu outorgarlle o 2º premio do concurso a Julia Martínez Losada (15 anos), tamén alumna do IES Valle Inclán polo seu relato “Loitar para triunfar”, no que interpela directamente ao lector sobre o nesgo de xénero, pero tamén de clase e de raza na ciencia.
Por outra banda, o 3º premio é para Carmen Portela Medraño (16 anos), alumna do IES Frei Martín Sarmiento polo seu relato “Empeño e ambición fan os soños realidade”, unha reflexión sobre as dificultades que enfrontan as mulleres que queren adicarse a ciencia, feita a partir da vida da Premio Nobel de Medicina Rita Levi-Montalcini.
A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presidiu o xurado do Certame de relatos curtos “A muller e a nena na ciencia” do que formaban parte as investigadoras e divulgadoras científicas, Paula Otero e Carmela Cela, a profesora de Bioloxía, Rocío Ledo e Begoña Márquez, xornalista de GCiencia.
Os premios entregaranse o vindeiro venres 11 de febreiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra onde terá lugar, ás 12 horas, o Encontro de Divulgadoras Científicas, acto central do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Encontro de Divulgadoras e Roteiro
As científicas Carmela Cela (Ecos de Xigantes), Alba Aguión (blog) Paula Sánchez (Ciencia e Tal,) Andrea Muras ( Ciencia miúda ) artellarán fronte a un público xuvenil -alumnas e alumnos de ESO, Bacharelato e FP- un coloquio sobre as súas experiencias ao redor da divulgación: as novas canles de comunicación (YouTube, Twitch, plataformas streamming…), o achegamento do coñecemento á xente nova e a sociedade xeral, o nesgo de xénero na ciencia e tamén no eido da divulgación, a promoción das vocacións científicas entre as nenas, etc.
Os actos do 11 de Febreiro continúan en Pontevedra co roteiro “Muller na Ciencia: A pegada de mulleres cientificas en Pontevedra” que terá catro quendas: os sábados 12, 19 e 26 de febreiro e o 5 de marzo. Sairá ás 11.00 horas do Xardín de Belas Artes e permitirá coñecer a investigadoras como Inmaculada Paz Andrade, Alicia Estévez Toranzo, Alicia Crespí González, Isabel Aguirre Úrcola ou a presenza na cidade de Concepción Areal.
O roteiro vai dirixido ao público xeral (+ 12 anos) e para participar é preciso inscribirse na web www.apuntate.pontevedra.gal