Pontevedra acollerá en xullo unha proba da Copa do Mundo de Tríatlon que servirá de aperitivo e test da Final das Series Mundiais que se celebrará en 2023

  • O presidente da Federación Española, José Hidalgo, afirma que o evento servirá para “axustar tódolos circuítos e protocolos de traballo para o ano 2023, no que aspiramos a facer a mellor Gran Final e Campionato do Mundo de Paratríatlon”
  • Fernández Lores asegura que a Copa do Mundo “permitirá volver desfrutar da rivalidade dos mellores atletas do mundo nun escenario incomparable” e Tino Fernández está convencido de que “pasaremos este test cunha nota moi alta”

Como suculento aperitivo e test da Final das Series Mundiais de Tríatlon que se celebrará o vindeiro ano, a Unión Internacional de Tríatlon decidiu incluír a Pontevedra no calendario da Copa do Mundo de 2022, cunha proba que terá lugar a fin de semana do 23 de xullo. Unha boa nova que reafirma o papel protagonista da nosa cidade como capital mundial desta disciplina e que foi acollida con enorme entusiasmo tanto polo Concello como polas máximas autoridades federativas a nivel nacional e internacional.

José Hidalgo, presidente da Federación Española de Tríatlon, valorou moi positivamente o anuncio da World Triathlon para a competición deste ano. “Coa celebración da Copa do Mundo en Pontevedra, España consegue concentrar dúas probas de primeiro nivel no noso país, nun ano no que arrinca o período de clasificación olímpica. Esta Copa do Mundo será sen dúbida un grande acontecemento internacional, posto que será a proba test camiño da Gran Final das Series Mundiais do ano 2023. Polo tanto, o de Pontevedra será un dos grandes eventos mundiais do tríatlon, pero ademais queremos que nos sirva para axustar tódolos circuítos e protocolos de traballo para o ano 2023, no que aspiramos a facer a mellor Gran Final e Campionato do Mundo de Paratríatlon”, asegurou Hidalgo.

Pola súa banda, a presidenta da World Triathlon, Marisol Casado, destacou que “estamos encantados de que Pontevedra, que ten demostrado ser un fantástico anfitrión de múltiples deportes no calendario mundial de tríatlon, agora reciba a algúns dos mellores triatletas do mundo para a Copa do Mundo deste ano, no que será un escenario perfecto para conseguir equipos listos para as Finais do Campionato de 2023”, dixo a membro do COI. “Ter un evento a finais de xullo significa contar coas mellores condicións climáticas posibles en Pontevedra, con atletas, pero tamén amigos, familiares e fanáticos que poidan desfrutar dos incribles lugares da zona, coñecida polas súas temperaturas suaves, praias e saborosa comida”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acolleu con grande alegría a concesión desta Copa do Mundo á cidade do Lérez, que lle permitirá volver desfrutar da rivalidade dos mellores atletas do mundo, nun escenario incomparable, ao utilizar as rúas da cidade como circuíto e o seu contorno natural como espazo de probas, “transformando a Copa do Mundo nun novo espectáculo para tódolos pontevedreses e pontevedresas”, indicou o rexedor. “É coñecido que Pontevedra vólcase con cada campionato que se celebra na cidade, polo que se ten convertido nunha das referencias mundiais para desputar estas probas, tanto pola profesionalidade na organización dos eventos como pola implicación dos veciños e veciñas de Pontevedra”, manifestou Lores. “A proba servirá de test para as futuras e agardadas Series Mundiais que se celebrarán en 2023 e confiamos en que volverán facer de Pontevedra capital do mundo do tríatlon”, explicou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, amósase “entusiasmado coa gran noticia desta Copa do Mundo, que será non só un aperitivo moi apetitoso da Final das Series Mundiais de Tríatlon que albergaremos o vindeiro ano, senón que tamén servirá de ensaio e reválida para a organización deste espectacular evento, permitíndonos detectar e mellorar aquelas cuestións que precisen ser pulidas e, sobre todo, demostrar unha vez máis que a nosa cidade é a capital mundial do tríatlon e unha garantía para a celebración de grandes eventos deportivos”. O edil está “absolutamente convencido de que pasaremos este test cunha nota moi alta e que a confianza depositada pola Unión Internacional de Tríatlon para acoller a Gran Final das Series Mundiais verase aínda máis reforzada trala proba deste verán”.

“Pontevedra é xa, a pesar do seu tamaño, unha das mellores cidades do mundo para organizar eventos destas características. A experiencia aválanos, as probas vívense con moita paixón e non temos nada que envexarlles a outras grandes urbes. Os atletas sempre saen encantados coa organización, coa nosa riqueza gastronómica e cos nosos incribles contornos naturais, e o retorno comezou a ser moi evidente a nivel turístico”, subliña Tino Fernández.

Os eventos das Copas do Mundo de Tríatlon terán un calendario renovado en 2022, con máis de 10 carreiras en todo o mundo, ás que se agarda que se agreguen algunhas máis nas vindeiras semanas. Trala cancelación da Copa do Mundo de Miyazaki, a primeira parada será Haeundae (en Corea) a finais de abril, para rematar precisamente en Miyazaki (Xapón) en novembro, con todo tipo de carreiras, distancias e escenarios a desputar de por medio e algúns dos eventos forman parte do período de clasificación de París 2024.

Calendario da Copa do Mundo de Tríatlon en 2022:

30 de abril – 1 de maio – Haeundae, KOR

7 e 8 de maio – Osaka, Xapón

28-29 de maio – Arzachena, ITA

18 e 19 de xuño – Huatulco, México

23-24 de xullo – Pontevedra, ESP

27 e 28 de agosto – Bergen, NOR

3-4 setembro – Valencia, ESP

10 e 11 de setembro: Karlovy Vary, República Checa

24-25 de setembro – Weihai, CHN

1-2 de outubro – Tongyeong, KOR

29-30 de outubro – Miyazaki, Xapón

Compartir publicación: