Dúas empresas optan a executar o proxecto de renovación do pavimento do Pavillón Municipal dos Deportes

Tralo peche do prazo de presentación de propostas na pasada medianoite, dúas empresas, Actividades de Construcción, Edificación y Viales SL (Acevi) e Prace, Servicios y Obras SA, optan a executar o proxecto para renovar o pavimento do Pavillón Municipal dos Deportes, que conta cun orzamento base de licitación de 312.568,83 euros. A intervención impulsada pola Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, contempla a renovación dos pavimentos deportivos da pista de xogo, o pavimentado do foxo perimetral, a rectificación das ramplas e remates laterais, a restauración da varanda perimetral e a sinalización e marcado reglamentario da pista para balonmán, fútbol sala, baloncesto e voleibol.

Tal e como subliña Tino Fernández, “o principal obxectivo destas actuacións, que terán un prazo de execución de dous meses desde o seu inicio, é subsanar o problema das humidades de filtración procedentes do terreo do Pavillón dos Deportes a través desta renovación de pavimentos”. Os traballos contemplan o levantamento da pavimentación actual, o nivelado da pista (xa que existe unha caída de 9 cm dun punto a outro), a colocación dunha nova soleira ventilada mediante sistema de Cáviti e formigón, a instalación de chan elástico, a adecuación das ramplas de acceso, a pavimentación do actual foxo perimetral para poñelo a nivel das gradas e a modificación da varanda actual.


Entre as actuacións comprendidas no proxecto están a retirada do pavimento da pista deportiva e a varanda delimitadora, a disposición dunha lámina impermeable e anti radon sobre a soleira existente, a colocación de pavimento deportivo de madeira na pista, a instalación dunha bandexa de aceiro inoxidable como pavimento sobre o foxo perimetral, a rectificación das ramplas de acceso á pista e os remates, a dotación dunha nova varanda e o marcado reglamentario das pistas de xogo con liñas de 5 cm de ancho mediante a aplicación con brocha ou rodillo de pintura de poliuretano elástica.


Asemade, entre as melloras previstas nesta licitación contémplase a instalación dun xogo de marcador/pantalla Led de 10 m2 dotado de ordenador de control, consola deportiva para manexo de marcador, estrutura para fixación da pantalla e bucina; e tamén un xogo de ancoraxes ao chan para porterías de balonmán/fútbol (en cumprimento da correspondente normativa UNE EN), incluíndo os traballos de albanelaría necesarios.


O edificio do Pavillón Municipal dos Deportes foi proxectado por Alejandro de la Sota en 1966, conservando a súa configuración orixinal no interior. O concelleiro de Deportes constata que “o estado de conservación xeral das instalacións é bo, requiríndose unicamente intervencións para subsanar as humidades de filtración que se producen a través do subsolo e que afectan á pista deportiva”.

Compartir publicación: