Os clubs poderán estrear o renovado céspede artificial do campo de fútbol 11 do Complexo Municipal Manolo Barreiro antes de final de mes

  • Tino Fernández explica que a empresa adxudicataria “xa está a realizar as achegas de area e caucho” e que o terreo “poderá utilizarse antes de que se fagan os tests de homologación Fifa”
  • A Concellería de Deportes destinou unha achega duns 286.000 euros a este proxecto, que inclúe a instalación dun céspede artificial de última xeración e de novas porterías, banquiños e banderíns

As boas condicións climatolóxicas rexistradas ao longo de xaneiro permitiron avanzar a pasos axigantados na execución das obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol 11 número 2 do Complexo Municipal Manolo Barreiro. O terreo de xogo xa loce o novo céspede de última xeración e a empresa adxudicataria do proxecto, Limonta Sport Ibérica SLU, céntrase agora nas tarefas de aporte de area e caucho e mailo seu posterior cepillado, traballos que quedarán rematados nos vindeiros días, polo que está previsto que os equipos poidan estrealo antes de final de mes.

Así o avanzou esta mañá o tenente de alcalde, Tino Fernández, no transcurso dunha visita ao campo da Xunqueira para supervisar a boa marcha das actuacións, na que estivo acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló, o técnico municipal Miguel Aparicio e o responsable da adxudicataria, Pablo Torrado. O edil socialista precisou que, se ben aínda queda pendente a mellora da iluminación (os proxectores de haloxenuros das catro torres serán substituídos por 12 proxectores led en cada unha delas) e a instalación dun novo marcador e de novas porterías, banderíns de córner e banquiños, así como a homologación Fifa Quality do terreo, “os clubs, que foron recolocados noutros campos durante este período de traballos, poderán comezar a empregar as instalacións antes de que se efectúen estes tests de homologación”. “De feito -aclarou Fernández-, o recomendable é que se fagan este tipo de tests despois de usar o céspede”.

O tenente de alcalde amosouse moi satisfeito co aspecto dunha intervención á que a Concellería de Deportes destinou unha partida económica de 285.773,04 euros e que permitiu dotar ao campo do Manolo Barreiro “dun sistema de acolchamento específico que vai facilitar o xogo e reducir o risco de lesións”. “Os céspedes evolucionaron moitísimo nos últimos anos -subliñou o concelleiro do PSOE- e unha das condicións que se puxo durante o procedemento de adxudicación foi precisamente que o céspede fora da mellor calidade posible”.

Pablo Torrado precisou que “agora mesmo estamos na última parte da instalación do novo pavimento, rematando o recebado do céspede, que se desenvolve en dúas fases: unha de achega de area, que é a que lle dá o peso, e outra de aporte de caucho, que comezamos a botar e que posteriormente repartiremos e cepillaremos”. Unha vez finalizada, a empresa procederá “a finais desta semana” a colocar os equipamentos deportivos e, por último, á renovación do marcador e da iluminación, antes de poñerlle a guinda do test de homologación, “que a Fifa recomenda que se faga unhas semanas despois de poñerse en uso”. “Neste caso, como o que queremos é que se empregue canto antes -sinalou Torrado-, pois incluso o faremos antes. Probablemente na semana despois de rematar o pavimento poderán vir facer os ensaios de campo e, unha vez que os envíen ao laboratorio, estarán en disposición de remitirlle toda a documentación á Fifa, que é quen o valida e homologa”.

Recoméndase o seu uso antes da homologación Fifa

En todo caso, Pablo Torrado garantiu que os equipos “poderán utilizar o campo como moi tarde a finais de mes, e mesmo é posible que o poidamos adiantar unha semana”. “O que é a homologación xa non depende de nós, senón dos trámites administrativos que teña o laboratorio coa Fifa, pero iso non significa que non se poida usar. De feito, é recomendable que se utilice antes de que estea a homologación, porque o que precisa o terreo de xogo é uso”, indicou.

O campo de fútbol Xunqueira II de fútbol 11 de herba sintética foi inaugurado en setembro de 2008 e, debido ao tempo transcorrido, próximo aos doce anos, e ao seu intenso uso, tiña xa esgotada a súa vida útil, presentando unhas condicións que facían necesaria a súa substitución por céspede de última xeración para poder obter unhas boas prestacións deportivas, con garantías de calidade e de seguridade para os deportistas. O terreo de xogo ten unha frecuencia de uso alta, por enriba das 60 horas semanais, e vense utilizando tanto a nivel amateur, en categoría sénior, como a nivel nacional en categorías base, o que, como apuntou Tino Fernández, “urxía a instalacións dun pavimento deportivo que superase os parámetros de durabilidade máis esixentes e que tivese ademais unha resposta deportiva das máis altas prestacións, cumprindo a norma UNE-EN 15330-1:2014 e sendo homologable, tanto no que se refire ao sistema a instalar (marca Fifa Recomended) como á obra executada con nivel Fifa Quality”.

A fibra do céspede presentaba un forte desgaste e o terreo non cumpría cos requirimentos esperables para estas superficies (elasticidade, fricción, absorción de impactos, bote do balón, rodamento do balón, resistencia ó movemento, etc). Asemade, a escorrentía das augas producíase cara as bandas e existían encharcamentos cando se producían choivas intensas.

Base elástica e fibra de polietileno resistente ao calor e ao xeo

As actuacións puxéronse en marcha coa retirada do antigo céspede e a comprobación da regularidade superficial e o estado da superficie. A firma adxudicataria regou a superficie para detectar defectos na ‘planeidade’ e realizou un levantamento taquimétrico, verificando así a pendente coa que conta o campo de fútbol e detectando as irregularidades zonais. 

A continuación, procedeu ao fresado de certas áreas do campo de fútbol e, tras dito fresado, barreuse a superficie, aplicouse un rego de adherencia e botouse unha capa de mestura bituminosa en quente, con estendedora e posterior compactación para tratar de mellorar as caídas nas zonas onde se retén máis a auga. De seguido, instalouse unha base elástica prefabricada cun grosor mínimo de 14mm, que xunto co céspede e o recheo deberán cumprir os criterios de calidade de Fifa Quality.

Trala colocación desta base elástica prefabricada instalouse un céspede artificial de última xeración testado en laboratorio consonte aos criterios Fifa Quality: unha fibra monofilamento de polietileno 100% en cor verde, con tratamento anti UVA resistente ao calor e ao xeo.

Para o recheo estase a empregar area de sílice (>96%), redondeada, lavada, seca e limpa de impurezas e materia orgánica, e gránulos de caucho reciclado SBR, de cor negra. Incluiranse as marcas do campo de fútbol 11 e de dous campos de fútbol 7, cumprindo coa regulamentación da RFEF.

A empresa adxudicataria deberá prestar o servizo de mantemento durante o período de garantía dun ano. As tarefas de mantemento a realizar serán aquelas de periodicidade anual, entre outras a verificación do encolado de xuntas e substitución no seu caso, limpeza anual e profunda do terreo de xogo con maquinaria específica (removendo o recheo, aireándoo e descompactándoo), o recheo segundo necesidades, e o control de calidade deportiva e informe anual de rego.

O proxecto tamén contempla a substitución dos canóns de rego por outros emerxentes, realizando as acometidas á rede de rego existente (substituíndo as electroválvulas por outras novas). 

Compartir publicación: