O Concello e OCDE abren unha vía de colaboración para replicar o modelo Pontevedra noutras cidades do mundo

Nun encontro en liña coa directora de medio ambiente do organismo internacional, pormenorizáronse os éxitos do modelo e acordouse remitir máis documentación que sirva de inspiración a outras cidades integradas na OCDE.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o concelleiro de Obras Urbanas e Mobilidade, Demetrio Gómez mantiveron esta tarde unha reunión en liña coa directora do departamento de Medio Ambiente da OCDE, Mariana Mirabile, interesada na experiencia urbana de Pontevedra. A OCDE considera que o modelo Pontevedra pode resultar moi interesante e útil para outras localidades do mundo de tamaño similar ao de Pontevedra.

O encontro responde a unha petición de entrevista da OCDE que se puxo en contacto coa Alcaldía ao estar interesada en coñecer o modelo Pontevedra. O primeiro contacto -o desta tarde- foi coñecer máis sobre Pontevedra: a redución do vehículo, a preferencia dos peóns, as decisións políticas e técnicas que acompañaron o modelo ou o custe das intervencións.

O compromiso por parte do Concello é continuar mantendo a liña de comunicación co organismo internacional ofrecéndolle material sobre o modelo de cidade, dende as publicacións até os estudos técnicos dos que se dispoñan como o futuro Plan de Mobilidade Urbana e Sostible ou a Axenda Urbana, nas que se amosaron moi interesados.

O propósito é coñecer ben o modelo Pontevedra para expoñelo a outras cidades do mundo no que poida ser replicable.

Este contacto coa OCDE comezou o pasado mes de outubro cando o organismo púxose en contacto coa Alcaldía para solicitarlle permisos de reprodución dalgúns contidos das publicacións municipais no documento “Transport Strategies for NetZero Systems by Design” publicado pola entidade internacional en decembro de 2021 que resumían as intervencións das xornadas celebradas pola OCDE en novembro baixo o mesmo nome.

Nesta publicación faise referencia ao modelo de Pontevedra e fai unha análise da transformación urbana e das políticas de mobilidade aplicadas para acadar a calidade de vida actual da cidade. 

Compartir publicación: