Levantado todo o pavimento da praza Pintor Arturo Souto

A actuación complementa a reforma urbana da rúa Loureiro Crespo. Pretende devolverlle a praza á veciñanza para un uso amábel e de convivencia, sen barreiras arquitectónicas, onde a presenza dos vehículos convivirá cos peóns.

O Departamento de Obras Urbanas, que dirixe Demetrio Gómez, traballa pleno rendemento na reforma da praza Pintor Arturo Souto, que completará a reforma urbana realizada na rúa Loureiro Crespo, no tramo comprendido entre a praza do Hospital e a rotonda de Doce de novembro.

A intervención pretende trasladar os estándares de calidade urbana a esta zona da cidade e acabar cos importantes problemas de accesibilidade que tiña toda a praza, que evitaba que fose empregada polos veciños e veciñas. 

A proposta que foi presentada aos representantes da Asociación de veciños Eiriña así como a presidentes/as das comunidades dos edificios e comerciantes, consiste na creación dunha plataforma única na que se elimina o carril de circulación actual que bordea toda a praza. Logo da reforma, os vehículos poderán acceder como en calquera outro espazo de convivencia da cidade (Michelena, praza da Audiencia ou Virxe do Camiño, por exemplo) tendo en conta que a prioridade sempre será do peón.

Praza Arturo Souto.

Na actualidade xa está levantado todo o pavimento e retirada a plantación de laranxeiras que serán transplantadas a outra zona da cidade, xa que non se consideraba a árbore máis acaída para un lugar sombrío.

A obra completarase con novo mobiliario urbano e con novas plantacións máis apropiadas para este espazo urbano.

Demetrio Gómez agarda que a reforma déalle á praza unha nova vida, de uso para toda a veciñanza, especialmente para os residentes neste barrio transformándose nun espazo amábel e de encontro.

Compartir publicación: