Pontevedra estrea o calendario da Liga Galega de Orientación este sábado cunha proba a pé no Acibal e outra en bicicleta no Pontillón do Castro

  • Un total de 535 competidores tomarán parte nestas probas, organizadas pola Federación Galega de Orientación e Xesta Natureza co patrocinio da Concellería de Deportes
  • As saídas estarán agrupadas por categorías, con idades comprendidas entre os 4 e os 68 anos. Os participantes deberán cubrir un trazado plasmado nun mapa no menor tempo posible

Pontevedra estreará este sábado 29 de xaneiro o calendario oficial da Liga Galega de Orientación para 2022 con dous suxestivos eventos que se desenvolverán ao longo de toda a xornada en fermosas paraxes naturais. De mañá, entre as 10:00 (primeiras saídas) e as 14:00 horas, terá lugar no contorno do Monte Acibal a primeira proba de Orientación a Pé do ano, e xa pola tarde, de 15:30 a 19:00 horas, o espectáculo trasladarase até o Pontillón do Castro coa celebración da primeira competición de Orientación en Bicicleta de Montaña.

Un total de 535 deportistas, o 98% deles residentes en Galicia (hai algún de Portugal e doutras rexións como Madrid) tomarán parte nestas carreiras, organizadas por Xesta Natureza e a Federación Galega de Orientación co patrocinio da Concellería de Deportes e a firma Kia Rías Motor e maila colaboración da Federación Española de Orientación e a Xunta de Galicia. A competición a pé será a máis numerosa en canto a participantes se refire, acadando as 365 inscricións, mentres que a de bicicleta contará con 170 deportistas.

Estes eventos inaugurais do calendario federativo nas súas respectivas disciplinas foron presentados esta mañá no Concello nun acto que protagonizaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Orientación, Javier Alvelo, e o responsable de Xesta Natureza, Ricardo Figueroa.

En ámbalas probas o principal obxectivo é o mesmo: percorrer un trazado plasmado nun mapa no menor tempo posible, pasando polas balizas ou puntos de control indicados, sempre en función da categoría na que se compita (que marcará as diferentes dificultades físicas e técnicas). As saídas estarán agrupadas por categorías (nunca sairá máis dunha persoa da mesma categoría no mesmo minuto), existindo un total de 30, con competidores que van desde os 4 anos aos 68 e competicións para persoas non federadas.

Ricardo Figueroa valorou de xeito moi positivo as notables cifras de participación da proba de Orientación a Pé, asegurando que “acadar os 365 participantes é unha animalada, xa que nos últimos anos a media deste tipo de probas estivo entre os 240 e os 270, como moitísimo 300, e con estas inscricións regresamos a números de hai catro ou cinco anos, de bastante antes da Covid”. Segundo apuntou, estamos ante un deporte “que vai a máis, que cada vez engancha máis, que conta con máis participación e cunha participación máis diversa”, entre outros motivos porque “non hai moitos deportes nos que un neno de catro anos poida estar correndo na natureza coa súa avoa de 69”.

Tino: “É un deporte que pode practicarse practicamente en familia”

Neste mesmo sentido, Tino Fernández subliñou “a ledicia que supón ir recuperando a actividade e retomando a normalidade” con probas como estas, “que estrean o calendario da Liga Galega de Orientación, un deporte que cada día ten máis adeptos”, precisamente “polo feito de facerse ao aire libre e desfrutando de espazos naturais” e de ter “a vantaxe de que se pode practicar case en familia”. “As competicións terán un nivel de participación que non se vía até antes da pandemia -sinalou o concelleiro do PSOE- e agardamos que poida ser un punto de inflexión para que aumente nas seguintes probas. Estou seguro de que será un éxito e de que teremos máis probas ao longo do ano”.

Javier Alvelo agradeceu “o apoio do Concello, especialmente nestes momentos tan difíciles para organizar eventos” e tamén o respaldo da Federación Galega de Piragüismo e a Secretaría Xeral para o Deporte por ceder as instalacións do Pontillón do Castro. O presidente da Federación Galega de Orientación incidiu na garantía que supón Xesta Natureza á hora de organizar estas probas, xa que conta “cun equipo de técnicos en orientación, cartografía e cronometría nos que a Federación confía plenamente”.

Ricardo Figueroa matizou que as carreiras deseñadas son de “distancia media, duns 30 ou 40 minutos”, posto que “non quixemos facelas máis longas para que non interferisen na celebración da proba de bicicleta de montaña da tarde”. O responsable de Xesta asegurou que “a xente ten gañas de saír e de facer deporte na natureza, xa que levamos demasiado tempo con limitacións” e avanzou que, durante a xornada do sábado, “tamén se fará entrega dos trofeos de tódalas modalidades de orientación do ano 2021”. “Esta é unha Liga de Orientación moi ambiciosa, máis ambiciosa que nunca, en tódalas categorías: a pé, bicicleta, raid…”, matizou Figueroa.

Compartir publicación: