O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González indicou que hoxe se lle entrega á oposición. O día 30 haberá unha comisión de dúbidas e o 3 de xaneiro, a de ditame. O 7 de xaneiro será o pleno extraordinario de Orzamentos.
As Contas de 2022 superan os 85,9 millóns, o que supón un incremento de 5 millóns ao respecto de 2021.
O Orzamento de 2022 está pensado para prestar uns servizos públicos á altura do século XXI.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o anteproxecto de Orzamentos para o ano 2022. Con este acto, comeza a tramitación para que o documento poida ser debatido nun pleno extraordinario da Corporación municipal que se celebrará o vindeiro 7 de xaneiro. A oposición recibe hoxe o borrador das Contas de 2022 e a primeira comisión celebrarase o día 30, data en que se teñen que presentar as emendas ao texto.
O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González explicou esta mañá que se trata do “orzamento máis alto da historia de Pontevedra e tremendamente expansivo”. Ascende a 85.903.000 euros o que supón un incremento de 5 millóns de euros, é dicir, un 6,4% máis que o orzamento vixente.
Son unhas contas expansivas que se basean na aposta pola mellora dos servizos públicos e no incremento da partida de investimentos.
Ao respecto dos servizos públicos, Raimundo González fixo fincapé na mellora do servizo de limpeza e tratamento de residuos municipais, que na actualidade ten un custe dun 8,2 millóns de euros. A nova xestión de todos os contratos relativos a este servizo: limpeza de colexios, de dependencias, desratización, limpeza viaria e tratamento de RSU, suporá máis de 12 millóns de euros “é dicir, un salto do 50%” segundo o responsable de Economía e Facenda.
En relación aos servizos públicos, tamén se referiu ao incremento da partida de mantemento de xardíns e outras zonas verdes que pasará dos 630.000 euros a 1,2 millóns.
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas con dependencias tamén experimentará un aumento do 54%. O orzamento actual consigna 1,7 millóns de euros e pasará a 2,6 no do vindeiro ano. Pasarase de prestar 120.000 horas a case 200.000 horas.
Os servizos relativos ao mantemento urbano experimentarán unha suba destacada. O mantemento das instalacións eléctricas vaise a duplicar; o sostemento dos espazos públicos rexistrará un incremento do 35%; e asinarase por primeira vez un contrato de mantemento de parques forestais (130.000 euros).
“Só con isto xustificaría por si este orzamento”, indicou Raimundo González quen afirmou que a proposta para 2022 “é dar unha volta completa á prestación de servizos no Concello, uns servizos á altura do século XXI”.
Investimentos
En relación aos investimentos, recordou que aumentan en case un 20%, pasando de 10,2 millóns en 2021 até os 12 millóns en 2022. Neste capítulo van obras tan salientables como a praza de Barcelos, a segunda anualidade do Campo de fútbol de Salcedo, obras de accesibilidade en 7 parroquias do rural que se achegan aos 3 millóns de euros ou a rehabilitación da Casa Consistorial.
“Todos eles son proxectos moi potentes con entidade propia”, explicou Raimundo González.
Tamén quixo aclarar que na situación económica actual con reiteradas subidas de distintos servizos (da enerxía eléctrica, por exemplo) e a conxelación das taxas e impostos municipais dende hai 8 anos, este orzamento “parece un milagre bíblico”.
Explicou que teñen incrementado as transferencias do Estado; aumentan as transferencias da Deputación: ademais dos 2 millóns de euros habituais, engádese a achega da Casa Consistorial máis a vía perimetral de Montecelo; e fíxose unha inxente xestión para a captación de Fondos europeos ou de outras administracións como do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía) que financiará a renovación do alumeado do rural (Alba, Cerponzóns e Campañó) cun investimento de 1,2 millóns de euros, entre outras.
Tamén indicou que hai proxectos en estudo ou en elaboración con financiamento comprometido pero que aínda non se incorporaron ao orzamento, como poden ser proxectos EDUSI, os novos fondos concedidos para turismo ou o complexo deportivo da Parda que non se incluirán até que os proxectos estean máis maduros, é dicir, en fase de licitación.
Tampouco existe unha partida específica para Santa Clara “pero que non se traduza nunha partida concreta non quere dicir que non se fagan actividades, traballos e moita xestión vinculada a Santa Clara. Está claro que será un tema recorrente no 2022 como non podía ser doutra maneira”, explicou Raimundo González.
Comisións e plenos
O concelleiro de Economía e Facenda explicou que hoxe mesmo se lle dá traslado á os grupos municipais da oposición para coñecer o proxecto de Orzamento para 2022. Teñen 3 días hábiles para presentar emendas tal e como recolle a lei.
O calendario de tramitación está consensuado co portavoz do oposición como recoñeceu Raimundo González quen confirmou a súa dispoñibilidade ás 24 horas “polas cousas que queiran aclarar”.
O día 30 de decembro celebrarase unha comisión para resolver dúbidas. Ese mesmo día, pola tarde, rematará o prazo para a presentación de emendas.
O día 3 de xaneiro convocarase a comisión de ditame do Orzamento e, finalmente, o día 7 celebrarase o Pleno extraordinario de orzamentos.