O Woman Raid porá a proba este domingo no Pontillón do Castro a capacidade de resistencia, navegación e supervivencia de 120 deportistas

  • O evento, organizado polas federacións Española e Galega de Orientación en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación Provincial, contará coa participación de 50 mulleres
  • Os competidores, que proceden de diversos puntos de Galicia e de España, deberán superar probas de trekking, BTT, orientación específica, paddle surf, zancos e memoria

O contorno do encoro do Pontillón do Castro será este domingo 19 de decembro o escenario do Woman Raid 2021, un raid de aventura organizado polas federacións Española e Galega de Orientación en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación Provincial que porá a proba a capacidade de resistencia, navegación e supervivencia dos 120 deportistas inscritos, dos que case a metade (50) son mulleres. As saídas, que darán comezo ás 10:30 horas (estando previstas as derradeiras chegadas ás 16:45 horas), estarán agrupadas por categorías, existindo oito categorías en total, e @s participantes deberán completar, en equipos de entre dúas e cinco persoas, un percorrido marcado no terreo mediante balizas e sinalado nun mapa que se lles entregará coa axuda dun compás, elixindo o itinerario a seguir entre os puntos de control (en cada punto control rexistrarán o seu paso mediante unha tarxeta electrónica).

Cada equipo, en función da súa propia estratexia, decidirá que distancia percorre, que puntos de control visita e que probas especiais realiza, efectuando o percorrido de xeito libre (modo score) e tendo en conta que non pasar polos puntos de control supón non sumar os puntos que outorga dito control. Tal e como precisou hoxe na Sala de Prensa do Teatro Principal  durante o acto de presentación deste V Woman Raid o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o tempo empregado e a puntuación acadada en completar o percorrido serán os que determinen a clasificación final.

O edil socialista, que estivo acompañado na rolda de prensa por Javier Alvelo, presidente da Federación Galega de Orientación, e Ricardo Figueroa, director da carreira e responsable do club Xesta Natureza, subliñou o carácter “inclusivo e paritario deste deporte, que é un dos máis igualitarios do mundo, xa que nel hai equipos mixtos e mulleres e homes compiten en igualdade de condicións”. Fernández destacou ademais “o enorme tirón deste tipo de competición”, rexistrándose inscricións de deportistas procedentes de diferentes puntos de Galicia (un 70% dos anotados) e do resto de España (30%).

O tenente de alcalde lembrou que unha das primeiras probas nas que participou na súa anterior etapa como concelleiro de Deportes, en 2011, “foi unha de orientación nocturna organizada nas instalacións do Casino Mercantil, que resultou moi divertida e na que os do club tiveron que crear un premio especial para o último clasificado, pero na que encharquei os pés e o pasei realmente ben”. “A orientación, ademais de ter unha parte deportiva, tamén ten unha vertente lúdica e de diversión moi importante. Nestes tempos, nos que a pandemia nos deixou secuelas físicas e psicolóxicas, todo aquelo que poida contribuír a superalas é sempre benvido, e a orientación, ao facerse ao aire libre, nun contorno natural e en grupo, pois axuda a xerar bo rollo e a superar eses factores de dificultade. Hai que agradecerlles ás federacións que conten cos incribles espazos naturais de Pontevedra para organizar este tipo de eventos”, apuntou o edil do PSOE.

O impulso do deporte mixto: homes e mulleres no mesmo equipo

Javier Alvelo agradeceu ao Consello Superior de Deportes “o esforzo que fai na promoción do deporte feminino” e asegurou que tanto a Federación Española como a Galega queren ir “un paso máis aló neste eido, xa que o queremos impulsar é o deporte mixto”. Na súa opinión, probas como o Woman Raid “supoñen unha grande promoción do deporte feminino”, ao incentivar a participación das mulleres en categorías femininas, pero sobre todo, logran que “nos deportes de equipo, como o raid, teñan categorías absolutas mixtas, nas que homes e mulleres compiten formando parte dun mesmo equipo”.

O presidente da Federación Galega de Orientación afirmou que “se nalgún sitio se podía celebrar este Woman Raid ese era Pontevedra, cos clubs  e a afección á orientación que temos aquí e, sobre todo, co respaldo do Concello, que sempre está promocionando calquera tipo de deporte”. “Ademais, o contorno natural de Pontevedra -engadiu Javier Alvelo- é único para o raid”.

Ricardo Figueroa fixo fincapé no “auxe” deste deporte, sendo este Woman Raid de Pontevedra “o de maior participación dos cinco que se veñen celebrando en toda España” e cunha inscrición feminina dun 50% “nunha disciplina que habitualmente ten moita máis participación masculina”. Segundo indicou o director da competición, en función das categorías, os deportistas deberán completar distancias de entre 40 e 60 kilómetros, enfrontándose ás disciplinas do trekking, BTT, orientación específica, paddle surf, unha novidosa proba especial de zancos e outra proba de memoria. “En tódalas probas -subliñou Figueroa- a base será o elemento que é a base do noso deporte: o mapa. En tódalas categorías e disciplinas haberá mapas de orientación creados especificamente para este evento, con diferentes dificultades. O esencial é saber entender o mapa e a estratexia de elección de rutas”.

Entre as normas que deben cumprir os participantes inclúense a obrigatoriedade e que os membros do equipo se manteñan xuntos en todo momento mentres estean en competición (puidendo mediar entre eles unha distancia máxima de 20 metros); a necesidade de levar mascarilla en todo momento nas zonas de transición e cando non poidan manter a distancia de seguridade cos seus compañeiros ou con outros corredores, e non recibir ningunha axuda exterior e ser autosuficientes. Asemade, quedará prohibido portar equipos de comunicación (teléfonos móbiles, radios ou walkie talkies) e sistemas electrónicos de navegación (GPS), sendo obrigatorios un compás, un botiquín de emerxencia e unha funda portamapas.

As saídas e chegadas a meta previstas por categoría serían as seguintes:

-10:30 horas: Saída das categorías Aventura Feminino/Mixto

-10:45 horas: Saída das categorías Elite Feminino/Mixto

-11:00 horas: Saída das categorías Orienta-Raid/Xuvenil

-15:00 horas: Meta das categorías Orienta-Raid/Xuvenil

-16:30 horas: Meta das categorías Aventura Feminino/Mixto

-16:45 horas: Meta das categorías Elite Feminino/Mixto

-17:30 horas: Acto de entrega de premios (nas propias instalacións do Pontillón do Castro)

Compartir publicación: