Destaca o esforzo inversor en servizos como no novo contrato do lixo, do Servizo de Axuda no Fogar ou no mantemento da cidade, tanto de espazos urbanos como de parques e xardíns.
Os investimentos superan os 12 millóns de euros para facer fronte a proxectos como a reforma urbana, iluminación do rural, reforma da Casa Consistorial ou o Teatro Principal.
Mantense a mesma presión impositiva dos últimos 8 anos e a débeda municipal está por debaixo dos 8 millóns de euros.
Os Orzamentos de 2022 “son os máis elevados do Concello. Sitúanse en 85.903.000 euros, o que supón un incremento do 6,4% ao respecto de 2021”, é dicir, de 5 millóns de euros máis, tal e como informou esta mañá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores na comparecencia conxunta que tivo co tenente de alcalde, Tino Fernández para presentar as contas municipais do ano que vén.
Lores asegurou que “hoxe é un día importante” xa que o orzamento se atopa nas últimas fases de tramitación para ser aprobado pola Xunta de Goberno e levado a debate no Pleno cara principios de ano. Son uns orzamentos expansivos centrados na mellora dos servizos buscando a excelencia. “Aínda que partimos de estándares bos, a chegada da pandemia nos dixo que temos que seguir na mesma liña o que require máis investimento no mantemento”. E que tamén se caracterizan por un incremento das inversións que chegan aos 12,1 millóns de euros.
O orzamento complementarase ao longo do ano coa incorporación de 14 millóns de euros do contrato da auga pendentes de executar, dos investimentos dos fondos europeos EDUSI que se suman a medida que se contratan os proxectos, e de todos os posibles fondos Next Generation que se concedan a Pontevedra. Ademais farase unha incorporación de remanentes do orzamento de 2021 ao longo do primeiro semestre do ano.
Os ingresos
Os ingresos do Orzamento de 2022 proceden, fundamentalmente, do Estado que incrementou un 10% a achega aos concellos (en Pontevedra arredor dos 22 millóns de euros); da Deputación que este ano pasa de 3 a 6 millóns de euros; do crecemento da dotación de servizos por un incremento das altas en abastecemento e saneamento; e tamén do bo ritmo da actividade económica fundamentalmente vinculado ao sector da construción.
Os servizos
O alcalde explicou que a principal subida que se recolle nos Orzamentos de 2022 están vinculada aos servizos, especialmente, ao contrato do lixo. O servizo de limpeza viaria e xestión de residuos urbanos superará os 12 millóns de euros en 2022 que permitirá “dar un cambio de paradigma na limpeza e no tratamento dos recursos domésticos”, explicou o alcalde. Destes 12 millóns, arredor de 11 se corresponden co novo contrato que se poderá resolver no primeiro semestre do ano; e o resto aos contratos de limpeza dos centros de ensino, das dependencias municipais e das instalacións deportivas.
Outro dos servizos que tamén incrementa substancialmente é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que pasará de 1,7 millóns de euros a 2,7 millóns, incrementando considerablemente o número de horas que se poderán prestar aos usuarios.
O contrato de mantemento da cidade tamén vive un incremento do 25% situándose en 726.000 euros e o de parques e xardíns aumenta nun 100% ao pasar dos 600.000 euros actuais a 1,2 millóns.
Tamén está reservada unha partida de 130.000 euros para o mantemento dos parques forestais e outra de 200.000 euros para o mantemento da rede de iluminación.
Os investimentos
O capítulo de investimentos incrementa dos 10 millóns de 2021 aos 12 millóns de euros. O alcalde destacou o 1,3 millóns de euros para a substitución a led da rede de iluminación das parroquias de Alba, Cerponzóns e Campañó.
Tamén está incluída como investimento a reforma do Teatro Principal, a Casa Consistorial (1,3 millóns), obras de accesibilidade urbana e rural por valor de 1,5 millóns de euros cada unha ou a execución da vía perimetral de Montecelo
Destacou que o Concello mantén unha débeda viva de 7.900.000 euros, é dicir, do 11,82% e este ano solicitará un crédito de 750.000 euros.
Lores concluíu considerando que son “uns orzamentos que responden á demanda dos cidadáns e respectan o acordo político. Uns orzamentos pensados para seguir avanzando”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Tino Fernández explicou que o Orzamento de 2022 é o resultado dun goberno sólido, cun proxecto claro e compartido “á altura do que necesitan os veciños e veciñas” e para que Pontevedra siga avanzando como referente en deportes, espazos públicos, desenvolvemento sostible… Explicou que se trata dun orzamento non compartimentado senón transversal “tentando xerar sinerxías cos veciños e veciñas”.
Tamén destacou a importancia que supón para activar a economía local e que o documento de orzamentos mantivera a mesma presión impositiva.