Pese ás restricións que a pandemia motivou no número de prazas dispoñibles para esta edición, cun máximo de 200 asistentes por saída, o programa municipal Ponteandadas volveu revelarse este ano como un dos máis demandados da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde. Así, as cinco camiñadas impulsadas polo tenente de alcalde, Tino Fernández, en colaboración coa firma especializada Naturgaliza no marco do proxecto A Vida é Movernos, rexistraron un total de 1.000 inscricións e 848 participantes por ruta, dos que a grande maioría, un 73%, foron mulleres (cun 23% de homes e un 4% de nen@s).
En concreto, as cifras por andaina foron as seguintes:
1. Mourente-Bora (19 de setembro): 156 participantes, 110 mulleres, 41 homes e 5 menores (9 parados).
2. Salcedo-Cabanas (10 de outubro): 166 participantes, 121 mulleres, 39 homes e 6 menores (7 parados).
3. Parque forestal da Fracha (24 de outubro): 153 participantes, 103 mulleres, 43 homes e 7 menores (11 parados).
4. Encoro do Pontillón do Castro (7 de novembro): 182 participantes, 132 mulleres, 41 homes e 8 menores (14 parados).
5. Parque forestal da Tomba (21 de novembro): 191 participantes, 153 mulleres, 32 homes e 7 menores (11 parados), co récord de asistencia desta edición.
Tino Fernández subliña que “os datos de participación rexistrados poñen de manifesto que Ponteandadas é non só un programa moi demandado, senón que é unha actividade necesaria para que a cidadanía retome a actividade física ao aire libre e desfrute dunha xornada saudable en boa compañía”. “Sen dúbida, seguiremos apostando por estas camiñadas o vindeiro ano”, avanzou o edil do PSOE.