Desenvolvemento Sostible inicia un proxecto de axardinamento e mellora paisaxística no contorno de San Amaro cun investimento duns 25.000 euros

  • A actuación, coordinada coa Xefatura Provincial de Estradas da Xunta, abrangue tódolos xardíns existentes entre Virxinia Pereira e o primeiro treito da estrada a Ponte Caldelas (PO-532)
  • Iván Puentes agarda que a intervención, posta en marcha na zona verde entre as rúas San Amaro e Carrasqueira (no contorno do Burger King), “estea rematada para antes do Nadal”

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha nunha zona verde existente entre as rúas San Amaro e Carrasqueira un proxecto de axardinamento e renovación paisaxística que se estenderá por tódolos xardíns existentes entre o primeiro treito da estrada autonómica a Ponte Caldelas (PO-532) e o seu entronque coa avenida Virxinia Pereira. Este conxunto de intervencións, executadas pola empresa Vértebra Ambiental SL cun investimento de 24.694,45 euros e en coordinación coa Xefatura Provincial de Tráfico da Xunta de Galicia, abranguerá o acondicionamento de tódolos xardíns no ámbito que discorre ata a rúa dos Cantos, incluíndo unha pequena área recreativa existente nesta linde da zona urbana, onde se instalará unha mesa de madeira con bancos e se plantará arborado para xerar un agradable espazo de descanso con sombra.

O proxecto contempla un axardinamento con planta vivaz e de flor e a plantación de árbores e arbustos como liquidámbares ou ligustros (para achegar sombra), hortensias, rododendros e especies tapizantes (hedras e agapantos), buscando unha composición de xardinería acorde cos cánones de calidade paisaxística desenvolvidos noutros puntos da cidade. Asemade, tamén se está a realizar unha poda xeral das árbores do contorno de San Amaro e axardinarase un calexón cun noiro entre a avenida Virxinia Pereira e a rúa Maruxa Mallo.

Iván Puentes sinala que “o barrio de San Amaro, desde a avenida Virxinia Pereira, pasando polas rúas San Amaro e Carrasqueira, ata chegar ao linde da zona urbana na rúa dos Cantos, conta con diversas pezas de zona verde que se pretenden acondicionar”, xa que “o paso do tempo deixou a súa imprenta negativa no contorno, cunha consecuente deterioración”. “Os obxectivos desta intervención -explica o edil do PSOE- pasan por mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha óptima composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada”.

A actuación busca ademais incrementar a capacidade de acollida e confort destes espazos, coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada mellora do mobiliario. Tal e como apunta Iván Puentes, “na preparación do proxecto apreciouse a presenza de lousas levantadas e rotas no linde dos espazos de céspede, que xa comezamos a arranxar coa colocación de lousas prefabricadas de formigón bicapa de 30x30x6 cm e acabado en branco”. Por outra banda, implantaranse 832 metros cadrados de céspede de gramíneas de uso ornamental-rústico, incluíndo a preparación do terreo para a sementeira, fertilizado, cubrición con manto, rega e a primeira sega.

“Desde o punto de vista do confort -sinala Iván Puentes- apréciase un notable déficit de sombra nas pezas da rúa San Amaro e tamén se pretende dar resposta á demanda dos veciños de árbores na pequena área recreativa da rúa dos Cantos. Coa finalidade de garantir unha axeitada relación sol/sombra formúlase unha proposta de plantación de arborado nas pezas de xardín, nas que se incorporarán especies coherentes coas existentes na tanto a nivel de volumetría como de composición xeral. As especies propostas para o contorno de San Amaro serán o cinamomo e o ligustro variegado, especies ámbalas dúas que se adaptan ben ás condicións climáticas e do solo”.

Na zona da rúa Carrasqueira plantaranse bidueiros de varios troncos e na rúa dos Cantos ligustros. O proxecto contempla a colocación de malla antiherbas e posterior cubrición con cortiza de piñeiro tratada en tódolos macizos de planta arbustiva.

Tamén se prevé a instalación dun sistema de rego automatizado mediante o soterrado de tubarias e acondicionamento con sistema de rega por goteo, aspersión e difusión entre estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible indica que “nas zonas verdes existentes entre as rúas Carrasqueira e San Amaro colocaranse tres bancos e na área de lecer da rúa dos Cantos unha mesa de madeira con bancos accesible”. “Todo este conxunto de actuacións prolongarase durante unhas dúas ou tres semanas máis, pero en todo caso, se as condicións climatolóxicas non o impiden, agardamos poder telas rematadas antes do Nadal”, asegurou Iván Puentes.

Compartir publicación: