A Vida é Movernos convídanos a facer Ximnasia na Rúa cunha proposta que inclúe spinning, bodyjump, gluteboom e fitball percussion

  • A Concellería de Deportes une forzas con Exalta Centro Deportivo e Nordés Sports SL neste evento, que se desenvolverá o venres 19 de novembro na Praza de España, de 18:00 a 21:00 horas
  • Os obxectivos desta actividade, para a que será necesaria inscrición previa a través do teléfono 986 187 339, son os de combater o sedentarismo e democratizar a práctica do exercicio físico

Combater o sedentarismo e facer chegar á poboación unha pequena mostra das actividades dirixidas que poderán atopar en calquera centro deportivo da cidade, axudando así a democratizar a práctica do exercicio físico entre a cidadanía sen limitacións no que a franxas de idade se refire, son os principais obxectivos da actividade Ximnasia na Rúa, impulsada pola Concellería de Deportes en colaboración coas firmas Exalta Centro Deportivo e Nordés Sports SL dentro do programa A Vida é Movernos. Este espectacular evento terá lugar o vindeiro venres 19 de novembro na Praza de España, en horario de 18:00 a 21:00 horas, e suporá o despregue dunha oferta deportiva con propostas para tódolos gustos: bodyjump, gluteboom, fitball percussion e spinning.

“Unha vez máis, a través do proxecto A Vida é Movernos, pretendemos promover un estilo de vida saudable e ofrecer ferramentas de mellora das capacidades físicas, mentais ou emocionais, especialmente despois deste ano e medio de pandemia tan duro, no que se incrementou aínda máis o sedentarismo e as enfermidades psicolóxicas como o estrés, a depresión e o insomnio”, subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández. O exitoso programa municipal, baixo cuxo paraugas xa se organizaron talleres de danza urbana, break dance, bodyfulness, ioga, risoterapia, andainas, marcha nórdica ou percuterapia, volve así cunha nova proposta aberta a tódolos públicos, na que se poderá participar mediante inscrición previa a través do teléfono 986 187 339”.

Segundo explica Tino Fernández, “ao longo de tres horas, os asistentes a Ximnasia na Rúa poderán desfrutar de: bodyjump, unha actividade dirixida con soporte musical que se imparte sobre un mini trampolín, de alta intensidade, sen apenas impacto e cun gasto enerxético moi alto; gluteboom, un novo xeito de traballar para fortalecer glúteos, abdominais e pernas dunha maneira moi dinámica, que aumenta o gasto calórico considerablemente; fitball percussion, que fusiona á perfección a música, o exercicio físico e a percusión e que ten unha coreografía moi marcada que a converte nunha divertida actividade que mellora a coordinación, e spinning, coa instalación de bicicletas estáticas para acadar melloras a nivel cardiovascular ao ritmo da música mediante traballo interválico”.

Un ximnasio ao aire libre

A Praza de España converterase pois nun ximnasio ao aire libre, no que, ademais de bicis de ciclo indoor, tamén haberá trampolíns, gomas, fitballs, bases de steps, baquetas, escenario, sistema de son e iluminación e un equipo humano conformado por oito persoas. Para a súa organización contouse coas firmas Exalta Centro Deportivo, un espazo dedicado ao adestramento e a saúde con profesionais con ampla experiencia en ámbolos ámbitos desde hai máis de 20 anos, directamente ligados ao deporte de competición e en constante formación e adaptación ás novas tendencias sobre o adestramento e as problemáticas que o ritmo de vida actual provoca sobre a saúde; e Nordés Sports, unha empresa creada e dirixida polo ex ciclista Jesús González, especializada na organización de cursos de formación e eventos deportivos que complementa a súa oferta cun eficiente servizo de adestradores persoais e venta de produtos fitness (que colaborou na coordinación e promoción de diferentes campus de ciclismo e participou na Aula Ciclista by La Vuelta Ciclista a España, con charlas e pequenas xincanas en colexios designados para achegar o mundo do ciclismo aos máis pequenos).

Tal e como sinala o tenente de alcalde e impulsor de A Vida é Movernos, “o sedentarismo provoca enfermidades do cadro coronario, como hipertensión, cardiopatías e/ou accidentes cerebrovasculares, o que o converte nunha das primeiras causas de mortalidade, e a actividade física regular reduce nunha porcentaxe elevada o risco de padecer as mesmas, ademais de diminuír as posibilidades de padecer algúns tipos de cancro e mellorar os índices glucémicos, a resposta inmunitaria e a capacidade de aproveitamento do osíxeno”. “Son numerosos os estudos que amosan que, a través do deporte, en tan só seis meses se observan avances cuantitativos sobre o peso corporal, a presión arterial, a glucemia basal e os triglicéridos, previndo deste xeito a mortalidade prematura. Asemade, o exercicio tamén actúa sobre o eido psicolóxico, reducindo o estrés, mellorando a calidade do sono, reducindo o insomnio, fomentando as relacións sociais, aumentando a autonomía e a interacción social e distraéndonos dos problemas do día a día”, asegura Tino Fernández.

Compartir publicación: