O plan estará financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.
O Plan de Sostibilidade Turística de Pontevedra foi elixido entre os 9 proxectos consensuados e aprobados polo Goberno central e a Xunta para incluírse dentro dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) que se desenvolverán en Galicia ao amparo do Plan Territorial Litoral e que suporán unha inxección global de 14,6 millóns de euros provintes dos fondos europeos Next Generation na nosa comunidade.
A financiación deste plan está incluída dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
A concelleira de Turismo, Yoya Blanco destacou « o PSTD de Pontevedra permite non só incidir na posta en valor do borde litoral, nun espazo de gran valor ambiental como é a ría de Pontevedra, senón que tamén propón o desenvolvemento dunha estratexia para o impulso da enogastronomía da cidade, como elemento nuclear da estratexia turística proposta a través da marca Pontevedra Capital Gastro, e intervén no embelecemento e posta en valor do casco histórico e a zona monumental, declarados Ben de Interese Comunitario (BIC) en 1985 ». Tamén salientou a participación do sector privado « non só no deseño do Plan, a través de mesas sectoriais e cartas de apoio, senón tamén na implementación do mesmo ».
As accións máis destacadas
Entre as accións máis destacadas contémplanse as seguintes:
- Continuación da Vía Verde do Salnés: unión da senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra, Ponte Sampaio e Arcade a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez, a Ruta Xacobea e outros camiños preexistentes empregados por ciclistas.
- Conexión da cidade cos parques forestais do contorno (A Tomba, A Fracha e O Pontillón do Castro): a conectividade farase a través do contorno dos ríos, mediante sendas fluviais.
- Programa de iluminación eficiente de espazos naturais.
- Observatorio turístico: creación dun Observatorio de Turismo para realizar un seguimento da actividade turística en Pontevedra.
- Pontevedra Capital Gastro: realización de actividades culturais vencelladas á gastronomía (showcookings, concursos de tapas, colaboración con restauradores, foros, xornadas e festivais gastronómicos específicos). Baixo o paraugas desta marca tamén se inclúe a recuperación do recetario tradicional de Pontevedra, o aproveitamento do Gastroespazo do Mercado de Abastos e a realización dun plan de enogastronomía.
Yoya Blanco indicou que a proposta do Concello Pontevedra tamén contempla, no apartado de mellora da eficiencia enerxética, a dotación de sistemas de calefacción eficientes e toldos descontaminantes para terrazas de locais de restauración; o impulso do márketing dixital, redes sociais, app, realidade aumentada, sinalización de puntos de interese turístico e accesibilidade universal aos mesmos grazas ás novas tecnoloxías; o embelecemento do casco histórico; o acondicionamento de espazos privados da zona monumental para uso turístico (como acontece cos patios interiores de Córdoba); o fomento de fam trips, blog trips e feiras virtuais; a formación para o sector turístico e o plan de destino, de cara a mellorar a formación do persoal, e organización de rutas históricas de carácter histórico, social, artístico ou paisaxístico.