Search
Close this search box.

Concello e Deputación acordan investir 1,3 millóns na vía perimetral que dará servizo ao Novo Montecelo

O alcalde e a presidenta da Deputación asinaron esta mañá o convenio de colaboración que permitirá iniciar a licitación do proxecto de inmediato.

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a execución da vía perimetral que dará servizo ao novo hospital Montecelo. Trátase dun convenio de 1.370.000 euros que serán achegados en exclusiva pola institución provincial mentres que o Concello se encarga do proceso de licitación.

Carmela Silva explicou que esta achega farase en dúas anualidades: 700.000 euros para este 2021, e xa se realizou unha retención de crédito de 630.000 euros para 2022. No caso de que se producisen baixas na licitación que iniciará o Concello repercutiría na propia Deputación, ao igual que se hai incrementos de obra.

A achega da Deputación é a marxe dos 2,5 millóns de euros que a institución provincial ten comprometidos co Concello de Pontevedra para este mandato. Explicou a presidente da Deputación, que o Hospital Montecelo é unha infraestrutura sanitaria que atende a unha poboación de 280.000 habitantes, entre os que se inclúen os veciños e veciñas de Pontevedra.

O alcalde confirmou que o Concello iniciará inmediatamente o proceso de licitación desta vía, que intentará estar en obra ao longo de 2022, e poder rematala no ano 2023, cando está previsto o fin do convenio.

Á Marxe da sinatura deste convenio, a Deputación aprobará na vindeira Xunta de Goberno un novo convenio para promoción da cidade cunha contía de 124.000 euros e un segundo convenio para a renovación de divesos parques infantís nos CEIPs do municipio.

Compartir publicación: