Desenvolvemento Sostible remata a ampliación e renovación integral do parque infantil da Praza das Regas

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, vén de rematar as obras de mellora integral do parque infantil situado na Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, acometidas cun investimento de 15.000 euros. As actuacións incluíron unha ampliación da zona de lecer infantil, necesaria para poder cumprir as normativas autonómica e europea en materia de seguridade e acadar a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), así como a renovación de tódolos elementos de xogo e randeeiras (cadeas, cadeiras…) e a instalación dun novo pavimento con base amortecedora e céspede artificial (que permite mitigar e suavizar ao máximo as posibles caídas dos nenos).


As obras, executadas pola empresa Garocaprim SL, tamén supuxeron a renovación do valado de peche perimetral do parque e completaranse cunha plantación de árbores no seu contorno, xa que se detectou a existencia dun déficit de sombra. Tal e como lembra Iván Puentes, “esta intervención enmárcase dentro do proxecto desta Concellería para que tódalas zonas de lecer infantil de Pontevedra poidan certificarse anualmente pola ENAC e, como tódolos que se están a efectuar ao longo deste mandato, foi deseñada en base aos criterios establecidos pola firma especializada STO (Soluciones Técnicas de Ocio), contratada polo Concello para auditar as condicións de seguridade das áreas de xogo da cidade, verificar que respectan a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da ENAC cando cumpren con esas directrices”.

Compartir publicación: