A partir do día 13 de outubro os vehículos poderán aparcar na superficie renovada nestas últimas semanas, logo dos traballos realizados na zona
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, fixou a reapertura do aparcadoiro de borde de Mollavao para este vindeiro mércores, 13 de outubro. As actuacións realizadas contaron cun orzamento de 47.851,63 euros e incluíron traballos para o acondicionamento da explanadas, amais de tarefas de desbroce e limpeza.
Tal e como explicou o edil no seu día, eran traballos que dependían en boa medida das incidencias meteorolóxicas e, nese sentido, houbo unha sorte relativa e puideron ser completados de xeito áxil e sen atrasos. O enxabre estará totalmente compactado para o día da apertura e os vehículos poderán volver aparcar na zona.
Doutra banda, proximamente comezarán os traballos no aparcadoiro do Pavillón de Deportes Municipal, que recibirá o mesmo tratamento que Mollavao, polo que se producirá unha renovación integral e precisará dun peche de varias semanas para que a compactación sexa un éxito e poida ser asegurada unha melloría do terreo o maior tempo posíbel.