A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, vén de asinar a instrución polas que se determinan as condicións para a adxudicación de postos de venda de flores na Praza da Ferrería entre os días 30 e 31 de outubro (ponte de Tódolos Santos). Todos aqueles interesados en desenvolver esta tradicional actividade poderán obter as súas correspondentes solicitudes entre os días 13 e 15 de outubro na sede da Casa da Luz e, unha vez abonen a preceptiva taxa por ocupación da vía pública, presentalas cubertas xunto con esta liquidación no rexistro electrónico do Concello ou nas oficinas físicas de Michelena 30 antes do día 22 de outubro.
Yoya Blanco explica que as medidas establecidas para a celebración do mercadillo seguen o ‘Protocolo e guía de boas prácticas dirixida a actividade de mercados de venda non sedentaria’ do Ministerio de Sanidade e da Secretaría de Estado de Comercio. “Entre outras cuestións, haberá un distanciamento de 1,50 metros entre postos, establecerase unha zona de acceso con dispensadores de xel hidroalcohólico, un percorrido sinalado e un espazo de saída. Debido á distancia necesaria entre postos, este ano redúcese a 36 o número de postos dispoñibles (o habitual outros anos eran 42 e en 2020 foron 33): dous de 2 metros cadrados, 18 de 4 metros cadrados, seis de 6 metros cadrados, cinco de 8 metros cadrados e cinco de 10 metros cadrados. Cada interesado poderá solicitar un único posto”, indica a concelleira do PSOE.
Os postos adxudicaranse por orde de solicitude até esgotar o número dispoñible e os documentos deberán pedirse nas oficinas do Servizo de Promoción Económica (no segundo andar da Casa da Luz) en horario de 10:00 a 12:00 horas, sendo imprescindible presentar no Rexistro do Concello, ademais da solicitude cuberta, a liquidación da taxa polo número de metros a ocupar.