Search
Close this search box.

Benestar Social renova a súa colaboración con Afapo a través dun convenio de 6.000 euros

A Concellería de Benestar Social vén de renovar o seu compromiso e colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (Afapo), despois de que a Xunta de Goberno Local lle dese esta mañá luz verde ao convenio para o desenvolvemento do seu programa de apoio ás persoas con Alzhéimer no ano 2021. Deste xeito, o Concello de Pontevedra, que mantén este acordo con Afapo desde o 2018, destinará unha achega económica de 6.000 euros ao financiamento deste programa de atención denominado ‘Creando e Activándote’. 

O tenente de alcalde, Tino Fernández, explica que o proxecto de intervención integral de Afapo “contempla a impartición de talleres de prevención do Alzhéimer e outras demencias ás persoas con estas doenzas” e a realización de “actividades destinadas a mellorar ou, no seu caso, manter, o nivel psicofísico dos afectados por esta enfermidade”. “Baixo o programa ‘Creando e Activándote’ desenvolverase unha metodoloxía de traballo mediante arteterapia e estimulación cognitiva das persoas que se atopan nun nivel de doenza leve ou leve-moderado, en grupos de 15 persoas”, subliña o edil do PSOE.


Tal e como indica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, o proxecto consta das seguintes fases: valoración e diagnóstico das persoas usuarias dos talleres; plan de traballo a realizar, no que se adecuará a terapia a cada persoa de xeito individualizado coa finalidade de mellorar as súas habilidades e capacidade de interacción co contorno, empregando entre outras a psicomotricidade e o exercicio físico e mental, e a valoración dos resultados acadados, tanto no que se refire ao grao de satisfacción dos usuarios como ao nivel de coñecementos adquiridos. Afapo comprométese a colaborar co Servizo de Benestar Social no desenvolvemento do seu programa, ao proporcionar apoio emocional aos familiares dos asistentes aos obradoiros, impartindo coñecementos prácticos en relación á atención e coidados dos enfermos con esta doenza.


Asemade, Afapo tamén se compromete a aceptar aos beneficiarios (enfermos e familiares) que sexan derivados por Benestar Social, a prestar o servizo de xeito gratuíto para os usuarios do Concello de Pontevedra e a que as actividades sexan impartidas por técnicos especialistas na materia. Para levar a cabo este programa, o colectivo dispón dun centro terapéutico situado na rúa da Curtidoira, psicóloga, traballadora social, terapeuta ocupacional e auxiliares de enfermería.


Tino Fernández constata que os talleres de Afapo permiten, entre outros bos resultados, “potenciar a capacidade creativa das persoas; manter as capacidades e habilidades cognitivas ou evitar o seu deterioro progresivo; mellorar a atención e coordinación visio-motora; maximizar a capacidade motriz dos usuarios; facilitar a aprendizaxe de novas habilidades creativas, culturais e sociais; mellorar a autoestima, a autonomía persoal e a calidade de vida, ou favorecer a toma de decisións e a libre disposición”.

Compartir publicación: