O concelleiro Demetrio Gómez reuniuse con representantes desto colectivo veciñal para explicarlles os primeiros datos da reforma das rúas Grecia e Alemaña, e tratar outras demandas como o sostemento urbano, a parada de bus do Luís Seoane ou un posible novo estacionamento para a rúa Reino Unido.
O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez recibiu esta semana aos representantes da Plataforma Monte Porreiro quere avanzar para informarlles dos datos existentes a día de hoxe sobre o proxecto de reforma integral das rúas Grecia e Alemaña. O Concello está á espera de recibir nestes días o proxecto da reforma, xa que polo de agora existe unhas liñas de traballo.
No encontro fíxose fincapé da necesidade de renovar todos os servizos municipais soterrados xa que se atopan en mal estado, así como de dotar de abastecemento de auga potábel a varios inmobles da rúa Cambria. Tamén se amosou preciso mellorar a calidade urbana en todo este ámbito especialmente no que ten que ver coa seguranza viaria, debido ao aumento do volume de vehículos que usan esta zona como vía de paso sen deterse no barrio.
Monte Porreiro Quere Avanzar manifestou o seu acordo coa necesidade de gañar espazo para as persoas, pero consideraron un problema a reordenación do tráfico xa que entenden que vai a aumentar o tránsito de vehículos pola rúa Cambria. Ao entender da plataforma, esta rúa non está preparada para soportar esta carga, polo que propoñen manter o actual sentido de circulación.
O concelleiro de Obras comprometeuse a estudar a proposta antes de pór en marcha a execución do proxecto.
No encontro tamén se tratou a necesidade de ofrecer máis información á veciñanza sobre a reforma, polo que o concelleiro adiantou que o seu departamento fixará un calendario a comezos da vindeira semana, en canto se reciba o proxecto da obra. Este calendario incluirá información para cada veciña e veciño, información na web municipal cunha caixa de suxestións e reunións par explicar o proxecto.
Outras demandas
Ademais do proxecto de reforma das rúas Grecia e Alemaña, os representantes de Monte Porreiro quere avanzar expuxeron outras demandas como a necesidade de continuar coas obras de sostemento do espazo público que se están a desenvolver.
Tamén falaron de obras relacionadas coa seguranza viaria como a parada do bus escolar do IES Luís Seoane ou a posibilidade de dotar unha zona de aparcadoiro na rúa Reino Unido.