Unha delegación encabezada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo, reuniuse co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez e con técnicos municipais para coñecer o proxecto municipal e os contratos en vigor.
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez recibiu esta mañá unha delegación do Concello de Lugo, encabezada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo, que se achegou a Pontevedra interesada en coñecer o proxecto de transporte a demanda que está a proxectar o Concello de Pontevedra. O propósito do goberno local de Lugo é poñer en marcha un transporte similar na súa localidade.
Na reunión tamén participaron técnicos de ambos concellos que expuxeron a situación na que se atopa o proxecto en Pontevedra. Trasladóuselles os contratos que están en marcha na actualidade: tanto de creación da app que xestionará o servizo como os estudos de mobilidade da poboación susceptible de empregar este transporte.
A delegación de Lugo amosouse moi interesada no sistema de Pontevedra aínda que o que se poderá implantar alí será diferente dado que Lugo é un concello cunha superficie maior que Pontevedra e tamén con máis parroquias.