Search
Close this search box.

O programa A Vida é Movernos convida aos pontevedreses a reconectar mente e corpo a través duns novidosos talleres de Bodyfulness

  • Os obradoiros de balde desenvolveranse na Illa das Esculturas os días 25 de setembro e 9 de outubro e serán impartidos pola experta en Danza Movemento Terapia (DMT) Lía Brea
  • A actividade terá lugar en horario de 11:00 a 12:30 horas e está deseñada para un máximo de 12 participantes. Será necesaria inscrición previa no email lia.breafolgar@gmail.com

Acadar unha aproximación somática ao movemento para mellorar a saúde integral, percibir a posibilidade de moverse desde a atención plena e a liberdade, experimentar as distintas formas de relacionarnos e expresarnos no mundo en movemento e adquirir algunha experiencia persoal significativa que promocione o movemento como elemento de saúde na vida diaria, son algúns dos principais obxectivos do novidoso taller de Bodyfulness organizado pola Concellería de Deportes no marco do proxecto A Vida é Movernos. Baixo o suxestivo título de ‘Bodyfulness: Movernos desde a conexión’, esta actividade de balde desenvolverase en dous obradoiros dunha hora e media de duración, os días 25 de setembro e 9 de outubro, e serán impartidos pola experta Lía Brea, terapeuta en Danza Movemento Terapia (DMT) pola Universidade Autónoma de Barcelona e licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Os obradoiros celebraranse se o tempo o permite no contorno natural da Illa das Esculturas en horario de 11:00 a 12:30 horas e están pensados para un máximo de 12 participantes maiores de 16 anos, sendo necesario inscribirse previamente a través da dirección de correo electrónico lia.breafolgar@gmail.com. Tal e como sinalou esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal a propia monitora no transcurso do acto de presentación destes talleres, “é un orgullo vivir nun concello que ten tan presente a importancia do corpo no benestar psicolóxico e emocional”, xa que as últimas investigacións efectuadas no campo da neurociencia “teñen amosado que o corpo e a mente non funcionan por separado, senón que van da man”.

Brea explicou que esta actividade de Bodyfulness “combina distintos elementos das disciplinas psicosomáticas, que traballan precisamente con esta interacción a mente e o corpo e que compaxinan aspectos de conciencia corporal, movemento creativo e consciente e técnicas de meditación e contemplación”. “Quería centrala no eixo temático das relacións. Levamos un ano e medio de pandemia e, neste tempo, mudaron moitos dos nosos hábitos e o xeito que temos de relacionarnos con nós mesmos, cos outros e co ambiente. Nestas sesións poderemos preparar o noso corpo e a nosa mente para facer un traballo de meditación que nos permitirá tomar conciencia de como estamos a vivir as relacións”, avanzou a experta.

Segundo apuntou Lía Brea, a DMT “non é unha disciplina terapéutica moi coñecida” e, de feito, ela é a primeira especialista existente en toda Pontevedra e a segunda de Galicia”. É unha modalidade psico-corporal que se enmarca dentro das artes creativas en psicoterapia (musicoterapia, arteterapia e psicodrama), na que utilizamos o movemento nun contexto psicoterapéutico para promover a integración física, cognitiva, emocional e social das persoas.

Paliar a sensación de illamento que se produciu durante a pandemia 

Neste mesmo sentido, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, considera que “esta actividade encaixa á perfección dentro dos obxectivos do programa A Vida é Movernos, co que buscamos dar resposta ao incremento da sensación de illamento e do estrés na poboación que se ten producido neste período pandémico”. Segundo precisou o edil socialista, o taller busca “experimentar as relacións desde o corpo a través de propostas creativas e de movemento somático e xerar na cidadanía a conciencia de que tanto o noso mundo interno (emocións, pensamentos, sensacións, postura corporal…) como o mundo externo (a cidade e os seus ritmos e sons, as rúas, os elementos da natureza, as persoas…) están en comunicación permanente e se afectan mutuamente”.

Tino Fernández asegurou que entre os propósitos destas sesións de Bodyfulness inclúense os de “desfrutar do movemento dun xeito novidoso e saudable, respectando as propias capacidade e límites; proporcionar sensacións de relaxación e de liberación da respiración e de tensións; favorecer encontros interpersoais significativos onde adestrar habilidades expresivas e de escoita activa; exercitar a capacidade de atención, e estimular a creatividade, a regulación do sistema nervioso e a recuperación dun estado de benestar”. 

Para o tenente de alcalde, esta actividade supón “un novo chanzo neste proxecto que iniciamos hai algúns meses, que é A Vida é Movernos, e no marco do que xa anunciamos Ioga, Marcha Nórdica, Risoterapia, Breaking…”. Na súa opinión, “a actividade física é un elemento esencial para mellorar ou conservar a saúde, tanto a física como a mental”, e esta pandemia “deixounos unha situación anímica moi fastidiada, con ansiedade, depresión e tristeza, que temos que intentar combater para que o noso corpo funcione mellor”.

“A Vida é Movernos é un proxecto que chegou para quedar -subliñou Fernández- e o tempo amosounos que acertamos con el. Tódalas propostas que fixemos tiveron éxito, pero aquelas de traballo do eido emocional tiveron se cabe aínda máis éxito, polo que anunciaremos en breve máis iniciativas que irán nesta mesma senda”. 

As sesións de Bodyfulness desenvolveranse nunha progresión orgánica, dirixindo a atención desde o interior ata o exterior de nós mesmos, con distintas propostas dinámicas e abertas á libre exploración e incluíndo quecemento, traballo coa respiración, expresión, xogo en movemento e posta en común do experimentado. Aconséllase que os participantes dispoñan dunha esterilla ou toalla de praia para estar máis cómodos en posturas que impliquen tumbarse no chan, así como de auga para hidratarse.

Para obter máis información en torno á metodoloxía de traballo pódese consultar a páxina web https://www.liabrea.es/.

Compartir publicación: