- O evento impulsado pola Concellería de Deportes co apoio de Deputación e UVigo centrará cada día nun dos 3 piares dunha vida sa: benestar emocional, alimentación saudable e exercicio
- A carpa de 1.000 metros cadrados instalada na Praza de España tamén acollerá talleres, charlas, showcooking, mentres que a Casa das Campás será escenario de xornadas técnicas
- Entre as novidades deste ano figuran a presenza do Sergas cun posto e unha charla sobre a Covid e a primeira Andaina Solidaria PonteSán por un treito do Camiño de Santiago
Máis de 30 asociacións e entidades socio sanitarias (un 30% máis que na edición anterior) participarán ao longo desta semana, entre o mércores 15 e o domingo 19 de setembro, na II Feira da Saúde e o Benestar ‘PonteSán’, impulsada pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra en colaboración coa Deputación Provincial e a Universidade de Vigo. Unha enorme carpa de 1.000 metros cadrados instalada hoxe na Praza de España será o epicentro dun completo e intenso programa de actividades que incluirá conferencias, talleres de actividade física e psicoloxía e mesmo un showcooking e que foi deseñado en base aos tres piares para unha vida sa: benestar emocional, alimentación saudable e exercicio.
Non obstante, ‘PonteSán’ porase en marcha este mesmo mércores cunhas xornadas técnicas que se desenvolverán na Sala Ernestina Otero da Casa das Campás (2º andar da Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra). En concreto, o día 15 celebraranse as charlas de Iria da Cuña Carrera, da facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo, sobre ‘Fisioterapia de Chan Pélvico’ (17:00 horas); Iris Machado de Oliveira, da facultade de Fisioterapia da UVigo, sobre ‘Pilates en intervención terapéutica’ (18:00 horas), e Marta Reboredo, da Asociación Juan XXIII, acerca dos ‘Beneficios da fisioterapia na discapacidade’ (19:00 horas).
As xornadas continuarán o xoves 16 cos relatorios de Carmen Abeledo, presidenta da Xunta Provincial de Pontevedra da AECC, e Carlos Sahuquillo, vicepresidente da mesma, sobre os ‘Programas e Servizos da Asociación Española Contra o Cancro’ (17:00 horas); a Asociación Galega de Enfermidades Neuromusculares (Asem Galicia), acerca de ‘A terapia ocupacional no lecer e o turismo adaptado’ (18:00 horas), e a Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam) arredor do exercicio físico (19:00 horas).
Tal e como avanzaron esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal durante o acto de presentación da II Feira da Saúde e o Benestar o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial Carlos López Font, e o responsable da organización do evento, Manuel Cabada, a carpa cos expositores permanecerá aberta en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas tanto o venres como sábado e de 10:00 a 14:00 horas o domingo, estando prevista a inauguración oficial precisamente para o día 17 ás 11:00 horas. “Este ano tivemos que ampliar o límite máximo da carpa para poder darlle cabida a tódalas entidades e asociacións que queren participar, xa que pasamos dos 24 expositores da primeira edición a 34. Hai que agradecerlles a súa implicación”, sinalou Tino Fernández.
En opinión do tenente de alcalde, “se hai algo importante nesta vida é a saúde, ter saúde é o mellor regalo que se pode ter”, e aínda que “a Sanidade nos trata e nos cura, en moitas ocasións necesitamos outro tipo de axuda que o sistema sanitario, polas súas características, non nos pode dar, e aí están precisamente as asociacións que nos informan, nos orientan, nos escoitan, nos animan, que fan que non nos sintamos tan sós e que teñen un valor e un papel incalculables á hora de lidiar coas enfermidades”. “De aí naceu PonteSán, da idea de visibilizar e agradecer a todas esas asociacións socio sanitarias sen ánimo de lucro que, día a día, de xeito desinteresado fan un labor inmenso”, lembrou.
Para Carlos López Font, “un evento como este, destinado á prevención e á información en materia de saúde, non podería ter unha mellor acollida e ser máis oportuno que neste momento”, ao configurarse ademais como “un escaparate e un formato perfectos para reivindicar ante a cidadanía a necesidade destes hábitos saudables e de que se sigan as normas sanitarias”. O deputado provincial fixo un chamamento para que os cidadáns “acudan a esta feira e se informen” e para que, ao igual que o ano pasado se fomentou a participación na campaña de vacinación contra a gripe, nesta segunda edición tamén se promova o cumprimento de tódalas normas que se nos están a marcar. “Estou convencido de que PonteSán será un novo éxito e de que veciños e veciñas doutros concellos da provincia tamén se achegarán para asistir a este evento”, engadiu López Font.
Tino Fernández explicou que “a primeira xornada da feira estará dedicada ao benestar emocional, cunha proposta que aglutina unha charla do docente Isaac Gómez e a psicóloga Beatriz Solano sobre ‘A importancia dun óptimo estado de benestar e como conseguilo’ e unha conferencia de Juanma Quenlle, máster en Psicoloxía Positiva Aplicada (creador do movemento social #TerritorioFelicidad e o proxecto solidario #Somosinstantes) e Pedro Campos Acosta, coach, percuterapeuta e máster en Intelixencia Emocional, sobre ‘PisitivArte, psicoloxía positiva en tempos de incerteza’; un obradoiro de Xestión Emocional a cargo de Cruz Vermella, un taller de ‘Maderoterapia’ a cargo de Asem Galicia; un titulado ‘A cor das emocións’ impartido pola Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns (Amencer-Aspace) e outro para familias baixo o título de ‘Family Game Zone’, dirixido pola psicóloga Elena Díaz e a pedagoga Natalia García e orientado a reforzar os lazos afectivos parentais a través de divertidas dinámicas lúdicas interxeracionais”.
Charla cos coordinadores dos programas Covid e de vacinación
A xornada do sábado 18 terá como eixo temático a relevancia dunha alimentación saudable e dará comezo con dous pratos fortes na sala de conferencias: por unha banda, ás 11:00 horas terá lugar unha gran mesa redonda coa participación de tódalas entidades presentes na feira sobre a ‘Importancia do tecido asociativo para a inclusión social’; e posteriormente, ás 12:00 horas, dará comezo unha conferencia sobre ‘A situación actual do Covid-19, as súas variantes e os protocolos a seguir, protagonizada por Juan Turnes, xefe do Servizo de Dixestivo e coordinador do Programa Covid na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés; Adolfo Baloira, xefe do Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), e Consuelo Rodríguez, coordinadora do Programa de Vacinación Covid na Área de Pontevedra e O Salnés.
A continuación, ás 13:15 horas, Beatriz Crespo Fontán, enfermeira estomaterapeuta do Sergas, presentará unha iniciativa innovadora da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) baixo o título de ‘Anatomía dunha ostomía a través dun chaleco didáctico’.
Tamén será moi suxestivo o programa de mañá na zona de actividades, cun obradoiro de Alimentación Saudable a cargo de Cruz Vermella ás 11:00 horas e un taller científico con alimentos destinada ao público infantil (desde os 6-7 aos 12 anos) desenvolvido pola AECC no que a rapazada poderá realizar os experimentos máis sorprendentes e comprender xogando a importancia da ciencia (previsto para as 12:45 horas).
Xa pola tarde, Via Nai Espazo Gastronómico e a Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) realizarán un showcooking titulado ‘Que a comida sexa a túa medicina! Come san e apetecible sen glute’, no que elaborarán unha receita de lentellas da aldea ‘granxa e horta’, un prato nutritivo, saudable e popular que acompañarán dun entrante e unha sobremesa (xa preparados con produtos sen glute). Para as 19:00 horas está programada unha nova conferencia na que Cristina Pérez Gil, supervisora en Dietética do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, abordará o reto de ‘Comer san en familia’.
Ioga e pilates adaptado, control postural e unha andaina para tod@s
A xornada de clausura estará centrada no exercicio físico e dará comezo ás 9:00 horas coa celebración da 1ª Andaina Solidaria PonteSán ‘Un camiño de tod@s e para tod@s’, na que os participantes realizarán un treito do Camiño de Santiago de 3,7 kilómetros pola variante de Alba, co seguinte percorrido: Praza da Peregrina, Ponte do Burgo (con foto de grupo), paseo peonil da Xunqueira de Alba – volta pola Ponte Mageiro – Ponte das Correntes – Arcebispo Malvar – Praza de España (PonteSán). Na zona de actividades, Cruz Vermella desenvolverá un obradoiro de Primeiros Auxilios Básicos e a Asociación Galega de Enfermidades Neuromusculares (Asem) un de Ioga e Pilates Adaptado, mentres que a sala de conferencias acollerá un ‘Taller de control postural, valoración e adestramento da forza’ e un relatorio sobre hábitos saudables e promoción da actividade física entre a poboación que leva por título ‘O día a día, mellor con exercicio físico’ e que será impartido polo Colexio Profesional de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (Colef Galicia).
Serán o preámbulo do acto de clausura que terá lugar ás 13:00 horas e no que, como na primeira edición de PonteSán, farase lectura dun Manifesto pola Sáude.
Esta variada oferta de actividades completarase ademais con algúns servizos socio sanitarios como a realización de probas de control arterial ou a presenza dun autobús de doazón de sangue no recinto da Praza de España durante esta fin de semana.
Os 34 expositores xa confirmados para esta II Feira da Saúde e o Benestar ‘PonteSán’ son:
- ACEGA (Asociación de Celíacos de Galicia)
- ADAHPO (Asociación Déficit de Atención e Hiperactividade)
- ADICAM (Asociación Diagnosticad@s Cancro de Mama)
- AECC (Asociación Española Contra o Cancro)
- AFAPO (Asociación Familiares Enfermos Alzhéimer e Outras Demencias)
- AGAELA (Asociación Galega Afectados Esclerose Lateral Amiotrófica)
- AGAJA (Asociación Galega de Xogadores Anónimos)
- AGL (Asociación Galega de Linfedema)
- AHUCE (Asociación Huesos de Cristal de España) e FUNDACIÓN AHUCE
- ALCER Pontevedra (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril)
- AMENCER-ASPACE (Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns)
- AMIZADE (Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca de Pontevedra)
- ANEDIA (Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diábete)
- APROPARK (Asociación de Párkinson de Pontevedra)
- ASAMPO (Asociación de Amigos da Pontevedrada. Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos)
- ASEARPO (Asociación de Enfermos de Artitre de Pontevedra)
- ASEM GALICIA (Asociación Galega de Enfermidades Neuromusculares)
- ASOCIACIÓN DE ALCOHÓLICOS ANÓNIMOS
- ASOCIACIÓN ARTFORDENT (Asociación Galega da Enfermidade de Dent)
- ASOCIACIÓN JUAN XXIII
- ASSEII (Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados)
- COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade)
- COLEF GALICIA (Colexio Profesional de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia)
- COLEXIO PROFESIONAL DE LOGOPEDAS DE GALICIA
- CRUZ VERMELLA
- EMMO (Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo)
- LIGA REUMATOLÓXICA GALEGA
- MARCHA NÓRDICA EN GALICIA
- PROGRAMA RODANDO
- SERVIZO GALEGO DE SAÚDE – Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés
- XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia)
- DOWN-XUNTOS (Asociación Síndrome de Down)
- DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
- CONCELLO DE PONTEVEDRA – INFORMACIÓN