Search
Close this search box.

A Concellería de Educación investiu uns 117.000 euros en obras de mellora e posta a punto dos centros educativos para o inicio do curso escolar

  • As actuacións, iniciadas en abril e executadas durante todo o verán, incluíron reformas, reparacións, pintados, impermeabilizacións e peches nunha vintena de colexios e escolas pontevedresas
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, supervisa o excelente resultado da nova senda construída por Desenvolvemento Sostible para mellorar o acceso aos centros educativos de Campolongo

A Concellería de Educación, que dirixe o socialista Tino Fernández, investiu uns 117.000 euros en obras de mellora e posta a punto dos centros escolares de Pontevedra para o comezo do curso académico 2021-2022. Os traballos, iniciados no mes de abril e executados durante todo o verán, traducíronse en importantes reformas, reparacións, pintados, impermeabilizacións e peches ata nunha vintena de colexios e escolas públicas do municipio, respostando ás demandas máis perentorias das comunidades educativas.

As intervencións realizadas foron detalladas esta mañá polo propio Fernández con motivo dunha visita ao CEP Campolongo e a EEI Concepción Crespo Rivas para supervisar o inicio do curso e comprobar “o excelente resultado” da nova senda de formigón creada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible no Paseo de Valle-Inclán para optimizar a accesibilidade do alumnado. O tenente de alcalde, que estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, aproveitou a ocasión para conversar sobre as necesidades dos colexios coa directora e o xefe de estudos do CEP Campolongo, Silvia Ruano e Sergio Otero (que os acompañou na visita á senda), e coa directora da escola Crespo Rivas, Ana Malvar. 

O edil socialista lembrou que “o novo camiño escolar, de 250 metros, supuxo o investimento doutros 48.000 euros nunha das actuacións máis necesarias para este comezo de curso, elevando así o esforzo económico dunha administración que apenas ten competencias en materia de mantemento a uns 165.000 euros”. “Nestes momentos unicamente queda pendente un pequeno treito duns 15 metros, que se está a realizar en madeira coa finalidade de respectar un exemplar de chopo italiano de elevado porte e valor ornamental. A previsión é que este tramo estea tamén finalizado na tarde do vindeiro luns”.

Á marxe da senda rematada, a Concellería de Educación tamén renovou a rede de saneamento (separativa de pluviais e fecais) e substituíu portas de entrada ás aulas na EEI Concepción Crespo Rivas e aínda ten pendente unha reforma de baixantes na zona interior e os pasillos do CEP Campolongo. 

O importe dos traballos realizados nos pasados meses nos colexios da zona Sur de Pontevedra ascende a uns 52.000 euros. Neste paquete de actuacións inclúense a impermeabilización da antiga vivenda do conserxe co edificio lindante e a creación de acceso e liña de vida na cuberta do CEIP Álvarez Limeses; a reparación do falso teito no acceso principal do CEIP Barcelos; o pintado de pasillos e reparacións nos baños de Infantil do CEIP Vilaverde (Mourente), e a instalación dun novo motor en portal corredoiro no CEIP Marcón. Neste mesmo orzamento tamén se engloban o novo pavimento exterior na entrada norte, a reparación de azulexos, o pintado de aulas e un novo motor en portal corredoiro no CEIP San Martiño (Salcedo); o pintado de aulas e a colocación dun lavabo para a aula de Ciencias no CEIP Cabanas (Salcedo); a revisión do tellado na zona exterior do CEIP Ponte Sampaio, e a reparación da porta do ximnasio e do valado de peche do CEIP A Carballeira.

As obras executadas na zona Norte de Pontevedra supuxeron un desembolso duns 65.000 euros por parte do departamento que dirixe Tino Fernández. Neste paquete de intervencións destacan a reforma dos aseos do ximnasio con pladur (para acabar coas humidades), o pintado interior de zonas de recibidores de entrada e a nova marquesiña na porta de acceso ao comedor no CEIP A Xunqueira I; a limpeza e pintado de aulas e sala de profesores, a reparación de xogos no patio infantil, o pintado de varanda e porta exteriores e a reparación de persianas no CEIP A Xunqueira II, e a substitución de portas das aulas na planta baixa, a reparación dun remate levantado na cuberta, a reposición de baldosas no pavimento das aulas e o pintado de aulas e pasillos no CEIP Froebel.

Asemade, na EEI Verducido colocáronse persianas, repúxose a cama de area do patio, arranxáronse arquetas a pé de baixante e limpáronse canalóns; no CEIP Marcos da Portela reparáronse a tarima de ximnasio e os azulexos e limpouse e impermeabilizouse a cuberta do patio (co selado de lucernarios); no CEIP Santo André de Xeve reformáronse as escaleiras de acceso ao centro; na EEI Fina Casalderrey pintáronse o enreixado exterior e os muros, fíxose a condución de baixante na zona de entrada posterior, limpáronse as escaleiras de acceso no interior da parcela e realizouse o peche metálico na zona de entrada posterior; no CEIP Manuel Vidal Portela substituíronse os mecanismos eléctricos en dúas aulas de Infantil e instaláronse ventás no ximnasio; no CEIP San Benito de Lérez demoleuse un peche e colocouse un novo metálico, e no CEIP Campañó substituíuse un cristal roto e instalouse unha liña de vida na cuberta do pavillón (co selado do mesmo).

Compartir publicación: