Search
Close this search box.

A música clásica instálase no Gafos a vindeira semana

Clásicas no Gafos é o novo ciclo do Son da Rúa, que continúa coa programación do véran feita polo Concello de Pontevedra

Aida Saco, Germán Díaz & Benxamín Otero, o Concerto das Donas, máis Pedro Lamas, Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero aparecen nun programa ecléctico e galego

O Concello de Pontevedra continúa a ofrecer un verán con alternativas musicais, lúdicas e de ocio dentro do programa O Son da Rúa, todas elas perfectamente compaxinadas coa prevención Covid. No ciclo Clásicas no Gafos, as melodías encherán un entorno diferente, en contacto coa natureza, mais preto do centro da Boa Vila.

Coa música clásica como protagonista, haberá catro xornadas consecutivas, todas elas cunha proposta diferente na súa execución. Os concertos celebraranse ás 21 horas, no Paseo dos Gafos, entre o 26 e o 28 de xullo, cunha actuación por día.

  • 26 de xullo :: Aida Saco – A formidable pianista, concertista e compositora, Aida Saco, orixinaria de Rianxo, chega a Pontevedra logo de gañar o primeiro premio, categoria F, do European Piano Competition «Salentinae Terrae» e o premio especial do xurado, o pasado mes de abril. Suma este recoñecemento ao segundo premio na décima edición do concurso Internacional “Città di Massa” e o terceiro premio  no XII Prémio Nacional/II Prémio Luso/Galaico «Elisa de Sousa Pedroso.
  • 27 de xullo :: Germán Díaz & Benxamín Otero : 13 Cancións Bonitas – Benxamín Otero e Xermán Díaz, propoñen unha escolma de cancións co simple fío argumental de seren, para as súas orellas, bonitas… Entran nesa escolla compositores como Schubert, Satie, Galliano ou Clastrier, cancioneiros como o de Inzenga ou de Federico Olmeda, amais de melodías de seu, conformando un corpus ecléctico e accidental. 
  • 28 de xullo :: Concerto das Donas – Conxunto instrumental de nova creación, liderado pola violinista María José Pámpano, que toma o seu nome do grupo de intérpretes femininas activo a finais do Renacemento na cidade italiana de Ferrara e coñecido como “Concerto delle donne”, un grupo de mulleres destacadas polo seu virtuosismo técnico e artístico, que traballaban baixo os auspicios do duque de Ferrara. Entre os obxectivos desta formación musical está o da visibilización da pegada feminina na historia da música, a cotío silenciada. A Agrupación presenta unha singular proposta que trata de afondar na obra instrumental de compositoras do Barroco como Isabella Leonarda ou Élisabeth Jacquet de La Guerre
  • 29 de xullo :: Pedro Lamas, Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero : Azougue – Detrás de Azougue está o primeiro título discográfico no que conflúen os talentos musicais de Pedro Lamas (saxos, dulzaina, acordeón, gaita e percusions), Jacobo de Miguel (piano) e Xosé Lois Romero (percusións tradicionais), un traballo agora reflictido ao vivo, de enorme interese e sensibilidade.

Compartir publicación: