O Espazo Gastro do Ganapán volve esta finde con saudables receitas de ‘muffins’ de mazá e canela e rolos de cabaciño, cenoria, queixo e xamón

  • Os talleres de lecer infantil impulsados pola concelleira Yoya Blanco desenvolveranse tanto o sábado 10 como o domingo 11 de xullo en dúas quendas, ás 11:00 e ás 12:30 horas
  • Nos obradoiros, destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos, tamén se decorarán uns mandís chulísimos e daráselles vida a unhas sereas mediante o emprego de materiais de refugallo

As receitas máis creativas e saudables volverán ser esta fin de semana as protagonistas do Espazo Crea do Ganapán, o programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Mercado de Abastos de Pontevedra. Así, nos talleres que se desenvolverán nas xornadas do sábado 10 e o domingo 11 de xullo, destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos, os máis pequenos poderán elaborar respectivamente uns ‘muffins’ de mazá e canela con produtos da terra para conquistar os bandullos da familia e os amigos, e uns rolos de cabaciño, cenoria, queixo e xamón para tódolos públicos, aptos para persoas celíacas e intolerantes á lactosa.

Asemade, como sinala a concelleira socialista Yoya Blanco, “dado que no Ganapán somos artistas, chefs e nos gusta vestir con ‘glamour’, no Espazo Crea do sábado os máis pequenos decorarán uns mandís chulísimos para empregar cando vaian cociñar”, mentres que no do domingo poderán coñecer de primeira man o mundo das sereas as ondas e darlles vida a estes seres míticos mariños mediante o emprego de materiais de refugallo”. “Unha vez máis, será preciso reservar praza previamente, realizando as inscricións na dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com. O prazo para apuntarse pechará ás 16:00 horas do día anterior ao de celebración dos respectivos talleres e haberá dúas quendas, con sesións ás 11:00 e ás 12:30 horas. Aínda que o único requisito imprescindible é levar moitas gañas de pasalo ben, eu tamén lles recomendo aos rapaces que non esquezan a súa friameira para poder presumir na casa das receitas que elaboren”, subliña Blanco.

Compartir publicación: