Arrancan pola parroquia de Mourente para continuar por Bora, Marcón, Tomeza… e rematar canto antes o resto de espazos públicos do rural.
A Concellaría de limpeza viaria que xestiona Raimundo González fará rozas en estradas e camiños, torreiros das festas, espazos de centralidade parroquial, parques infantís… para ter estes espazos públicos en óptimas condicións de uso no verán.
Empréganse catro brigadas con tractores e desbrozadoras, e persoal a pé para traballos de espazos complexos, recollida das rozas e soprado.
O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de xestión de residuos e limpeza viaria, que dirixe Raimundo González Carballo comeza este luns, 28 de xuño, as rozas nas parroquias do rural e en todos os espazos periurbanos da cidade para que estean en perfectas condicións de uso de cara ao verán. Arrancarán pola parroquia de Mourente e continuarán cara Bora, Marcón, Tomeza… facendo que os espazos públicos do rural luzan en bo estado para que os veciños e veciñas os poidan empregalos con confianza e seguridade.
Neste gran operativo someteranse a unha roza e limpeza excepcional dende vías municipais a torreiros das festas, parques infantís, espazos periurbanos, lugares de centralidade parroquial, zonas verdes… En definitiva, todos os espazos públicos nos que actuarán catro brigadas con dous tractores e dúas desbrozadoras. Tamén participará persoal a pé que traballará manualmente nos espazos máis complicados e con maquinaria pequena.
As chuvias do inverno e especialmente a dos últimos días fixo crecer considerablemente a maleza e a herba das beiravías das estradas e camiños municipais, así como as dos espazos de centralidade ou a dos torreiros das festas. Os traballos consistirán, polo tanto, na roza desa herba e desa maleza, na retirada de entullos, limpeza de beiravías e de canalizacións de pluviais que poidan estar tapadas por terra durante o inverno…
A intervención de maior envergadura correrá a cargo das brigadas que conducirán as desbrozadoras e tractores, e complementarase con labores manuais que realizará un equipo a pé, encargado de atacar os espazos máis complicados, así como a recollida das rozas e o soprado das marxes.
O programa segue unha planificación para obter o maior rendemento de todas as dotacións das que dispón este zafarrancho. Nesta ocasión o plan comezará pola parroquia de Mourente e continuará cara Bora, Marcón e Tomeza, e seguirá polas parroquias do sur do Concello para rematar na zona norte, até completar as 15 parroquias do rural pontevedrés.
Parques infantís e espazos de centralidade parroquial
Xunto ás vías municipais, a Concellaría tamén destina a partir da vindeira semana un equipo ao mantemento dos parques infantís do rural (Salcedo, Ponte Sampaio, Canicouva…) para retirar herbas, follas, entullos… Con esta limpeza, os rapaces e rapazas poderán empregar a pleno rendemento estes parques coa chegada das vacacións do verán.
A Concellaría de xestiona Raimundo González quere prestar unha especial atención aos espazos de centralidade parroquial (Salcedo, Cerponzóns, Lourizán…) punto de encontro dos veciños e veciñas durante o verán. Farase, polo tanto, un zafarrancho especial en todos estes ámbitos do Concello para que os residentes os volvan a empregar con comodidade, tranquilidade e seguridade.
Como todos os anos, este gran zafarrancho tamén chegará aos torreiros das festas, facendo as rozas necesarias, independentemente de que se celebren ou non festas parroquiais. O propósito é manter controlada a maleza e as herbas que foron crecendo no inverno.
As zonas periurbanas
Ademais do ámbito rural propiamente dito, a Concellaría de xestión de residuos e limpeza pública tamén traballará cunha brigada nos ámbitos periurbanos da cidade (Mollavao, Monte Porreiro…) que requiren de atención por non ter unha condición estritamente urbana.
Aquí tamén se empregará maquinara pesada e nos espazos máis complexos, farase a man.
A Concellaría deu orde de que o traballo se faga a bo ritmo e sen pausa para rematar canto antes as 15 parroquias do rural.