- A concelleira de Turismo, Yoya Blanco, avanza que “a partir do día 15 de xuño estarán dispoñibles as visitas nocturnas polas pontes e unha etapa do Camiño Portugués a Santiago”
- O programa deste ano inclúe tamén unha xincana-taller gratuíta durante os meses de xullo e agosto para nenas e nenos de entre 5 e 12 anos cuxos pais participen nas visitas guiadas
Turismo de Pontevedra porá en marcha esta fin de semana as visitas guiadas polo centro histórico da cidade (que se converterán en diarias a partir do 24 de xuño) e abrirá o martes 15 de xuño as reservas para participar nas visitas nocturnas ás pontes e na realización dunha etapa do Camiño Portugués a Santiago. Así o anunciou hoxe a concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, quen explicou que “entre as novidades deste ano inclúese unha xincana-taller gratuíta para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos cuxos pais participen nas visitas”.
Blanco animou “a todo o mundo, turistas e autóctonos, a inscribirse nestas actividades, xa que, se ben existen moitas formas de coñecer unha cidade, percorrerla cun guía pode ofrecernos unha perspectiva moito máis completa”. “Visit Pontevedra -sinala a edil do PSOE- organizará este verán visitas guiadas moi completas e entretidas, con varias opcións, unhas pensadas para adultos e outras para os máis pequenos, e mesmo algunhas nocturnas, aproveitando a boa iluminación do centro histórico, o Camiño de Santiago e as pontes que atravesan o río Lérez en horario nocturno”.
Tal e como indicou, “nas visitas organizadas e patrocinadas polo Concello de Pontevedra só traballamos con guías oficiais de Turismo, percorrendo a cidade e visitando o interior dos edificios e monumentos sempre que sexa posible; dando a coñecer todo tipo de elementos culturais, históricos, monumentais, gastronómicos e festivos vencellados a Pontevedra, e narrando unha morea de anécdotas e lendas”. Todas elas cumpren ademais estritamente coa lexislación local e as recomendacións sanitarias en materia de protección e seguridade contra a Covid-19, con grupos reducidos e guías que teñen formación específica en protocolos de actuación e manuais de boas prácticas para a prevención de riscos, toma de temperatura ao inicio da ruta, uso de mascarilla obrigatorio durante toda a visita e achega de xel hidroalcohólico antes e durante o servizo.
Yoya Blanco asegurou que as saídas polo centro histórico que comezan esta fin de semana “permitirán descobrer o encanto, historia e cultura de da capital da provincia e das Rías Baixas a través dunha experiencia única, paseando polas súas rúas e prazas, gozando das súas tendas e comercios, empapándose do ambiente e a vida local, saboreando a súa gastronomía…”. Durante as visitas, que durarán aproximadamente unha hora e 45 minutos, daranse a coñecer todo tipo de elementos culturais, históricos, monumentais, gastronómicos e festivos, destacando no itinerario as súas prazas e a riqueza heráldica da cidade, facendo especial fincapé nas lendas e anécdotas de Pontevedra e visitando o interior dos principais monumentos da cidadde, como as Ruínas de Santo Domingo, o Santuario da Virxe Peregrina, a igrexa de San Bartolomeu e a Basílica de Santa María.
Horarios e tarifas
Partirán do punto de información turística situado na planta baixa do Consistorio (na Praza de España), precisarán un mínimo de 5 participantes (ofrecéndose alternativas no caso de non acadar esa cifra) e terán as seguintes tarifas: xeral, de 5 euros; reducida (parados, estudantes, xubilados, pontevedreses e familias numerosas), de 3 euros, e gratuíta para nenos de ata 12 anos. Entre o 24 de xuño e o 14 de setembro desenvolveranse visitas ás 11:30 e ás 18:30 horas de luns a sábado e ás 11:30 horas os domingos e festivos, mentres que entre o 15 de setembro e o 3 de outubro haberá saídas ás 11:30 e ás 17:30 horas de luns a sábado e ás 11:30 horas os domingos e festivos.
A concelleira de Turismo aclarou que os fillos daqueles que utilicen o servizo durante os meses de xullo e agosto e que teñan entre 5 e 12 anos poderán desfrutar dunha xincana-taller gratuíta, “unha actividade especial que unicamente se realizará durante as fins de semana”.
Segundo avanzou, as prazas dispoñibles a partir do 15 de xuño para as visitas nocturnas ás pontes de Pontevedra terán unha tarifa xeral de 8 euros, reducida de 5 euros e gratuíta para rapaces de ata 12 anos, desenvolvéndose os venres e sábados a partir das 22:30 horas, cun mínimo de 5 participantes, entre o 2 de xullo e o 18 de setembro. Nunha ruta de hora e media, con saída desde o Mercado de Abastos, a través das pontes, percorreranse a historia e orixe de Pontevedra, así como a súa importancia portuaria e mariñeira, falándose da época na que as augas do Lérez eran embotelladas e exportadas.
“As pontes son sen dúbida grandes protagonistas na nosa cidade, reflectíndose sobre o río grazas a súa fantástica iluminación nocturna e enchendo a noite de encanto. Ademais de encontrarse co trazado do Camiño Portugués a Santiago e a súa iluminación e de chegar ata a idade moderna da man dunha das pontes máis singulares de España, ás 23:00 horas os visitantes terán a oportunidade de desfrutar do xogo de luces das pontes do Burgo e As Correntes”, salientou Yoya Blanco.
Tamén se abrirá o 15 de xuño a reserva de prazas para realizar un treito da Ruta Xacobea en compañía dos guías de Turismo de Pontevedra durante os meses de xullo, agosto e setembro. Pensada para aqueles que nunca fixeron o Camiño de Santiago ou que xa o fixeron e queren vivir de novo esta experiencia, a actividade propón cubrir unha etapa duns 11 quilómetros polo que se considera un dos treitos máis bonitos do Camiño: desde Arcade (localidade á que se chegará en autobús desde a Estación de Pontevedra), percorrerase a histórica e monumental ponte de Ponte Sampaio, pasando ao longo de case un quilómetro pola zona de Brea Vella de A Canicouva (antiga calzada romana Vía XIX) e desviándose, na parte final, polo camiño que segue o curso do río dos Gafos, para rematar na cidade. En diferentes puntos da etapa, os guías contarán lendas e historias vencelladas co Camiño e co Apóstolo Santiago.
A concelleira de Turismo explica que estas saídas realizaranse tódolos venres ás 8:45 horas entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, cunha tarifa xeral de 12 euros e unha reducida de 9 euros, incluíndo seguro e billete de autobús. Será imprescindible levar roupa e calzado axeitado, así como bebida e algo de froita e/ou froitos secos, facéndose un pequeno descanso a metade de ruta.
Esta actividade precisa dun mínimo de 8 participantes, ofrecéndose diferentes alternativas no caso de non acadar ese número. Yoya Blanco aclarou que “se esixirá máxima puntualidade e non se recomenda realizar esta ruta a menores de 14 anos ou a aquelas persoas que non estean habituadas a camiñar treitos longos”.
Para consultar tódolos horarios e efectuar reservas deberá accederse ao seguinte enlace: https://www.visit-pontevedra.com/visitas-guiadas/