- A través do Plan Supera, o Concello destina unha partida inicial de 85.000 euros co obxecto de fomentar o consumo e restablecer a vida na rúa e nas prazas, sempre atendendo á situación sanitaria de cada momento
- Programaranse actuacións musicais, monólogos, exposicións e actividades infantís desde maio ata finais de ano
A concelleira de Promoción da Cidade e Réxime Interior, Anabel Gulías, anunciou esta mañá que, no marco do Plan Supera, se destina unha partida inicial de 85.000 euros á iniciativa Cabos Soltos co obxecto de programar actividades de dinamización para fomentar o consumo no comercio e na hostalería locais. Segundo explicou a concelleira, a principal particularidade que terá esta nova edición será que “todas as actividades que se desenvolvan baixo a marca Cabos Soltos van estar integramente financiadas polo Concello de Pontevedra”, a diferenza da anterior edición na que eran os locais e establecementos encargados de programar os que asumían a financiación.
Anabel Gulías enmarcou esta nova edición de Cabos Soltos como froito da preocupación do Goberno municipal por “fomentar o consumo tanto en comercio como en hostalería local e contribuír a que as rúas e as prazas da cidade volvan ao dinamismo aos que estabamos acostumados”. Neste sentido, cualificou o programa como “unha medida importantísima para restablecer a viveza na rúa, para axudar ao sector hostaleiro e para seguir traballando polo futuro económico de sectores básicos na cidade”.
Así, o programa de actividades farase extensible a toda a cidade, e non só á zona monumental, e incluirá actuacións musicais, monólogos, exposicións ou actividades infantís nun período comprendido desde maio ata final de ano, de forma que estas actividades ocupen os meses anteriores e posteriores á habitual programación de verán e sempre atendendo ás restricións derivadas da situación sanitaria.
Anabel Gulías situou o punto de inicio deste programa na segunda quincena do mes de maio e o pistoletazo de saída será a organización dunha xornada técnica para debater as liñas de futuro para a hostalería, que irá acompañada de actividades paralelas en rúas e prazas, sempre que a situación sanitaria o permita.
A xornada técnica contará con relatores de toda Galiza e tamén do Estado español e enfocarase especialmente aos bares e establecementos que programaban actuacións. Entre os contidos que se abordarán estarán novas ideas e estratexias de futuro para a hostalería, análises específicos sobre o sector en Pontevedra, o papel das institucións neste tipo de programación e a dixitalización da cultura e da creatividade.