Search
Close this search box.

O goberno local aproba a cesión da parcela para a residencia da terceira idade

  • A Xunta de Galicia deberá destinar a parcela á construción da residencia pública no prazo máximo de 5 anos
  • Trátase dun terreo de 5.000 metros cadrados ubicado na unidade 18, a carón da rúa Doce de Novembro

O Goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno extraordinaria a cesión da parcela para a construción da futura residencia da terceira idade. Este acordo recolle que a Xunta de Galicia deberá destinar este terreo á construción dunha residencia pública no prazo máximo de 5 anos. 

Convén lembrar que o inicio do procedemento de cesión comezara o 14 de decembro, momento no que o Concello puxo a parcela a disposición da Xunta de Galicia, e agora o expediente chega ao seu punto final despois de que o prazo de exposición pública da cesión rematase o pasado 23 marzo. 

Trátase dunha parcela dunha superficie de 5.000 metros cadrados e que está ubicada na unidade 18, a carón da rúa Doce de Novembro. O proxecto da residencia da terceira idade neste terreo da unidade 18 fixérase público o pasado mes de outubro, o que supuxo un cambio de ubicación con respecto á anterior parcela xa cedida na Parda. Así, a cesión da parcela da unidade 18 implicou tramitar a súa inscrición no rexistro da propiedade a nome do Concello, posto que a mencionada parcela xa fora cedida á ONCE. Para isto, a ONCE renunciara a este terreo e mediante a sinatura dun convenio revertiuno ao Concello, que agora rematou os trámites para a súa cesión á Xunta de cara á construción da nova residencia pública para persoas maiores.

Esta nova ubicación responde á necesidade de contar con máis metros cadrados de terreo e reducir o número de andares do edificio. Así, o proxecto de residencia que se presentara naquel momento contempla un edificio con planta baixa e dous andares superiores para facilitar o control e a xestión por planta, e cunha parcela exterior de certas dimensións para permitir a estancia ao aire libre das persoas usuarias. O proxecto supón 120 prazas para residentes, 115 postos de traballo, 12 millóns de euros de investimento e un prazo de execución de entre 18 e 22 meses.

Compartir publicación: