- Trátase dunha conexión que evita o bombeo e que garante o cumprimento do compromiso que o Concelleo adquirira co Sergas para dotar ao Gran Montecelo dun servizo de abastecemento de alta calidade
- Tamén abastecerá os novos domicilios que se conecten á rede municipal de abastecemento das parroquias de Mourente, Lourizán, Marcón, Tomeza, Salcedo e Bora.
No marco das actividades para conmemorar o Día Mundial da Auga, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, visitaron esta mañá o depósito de abastecemento de Castro Senín, na parroquia de Mourente, peza fundamental para surtir de auga potábel ao futuro hospital Montecelo, ademais de á cidade infantil, así como para abastecer aos novos usuarios da rede nas parroquias de Mourente, Lourizán, Marcón, Tomeza, Salcedo e Bora.
Segundo explicou o alcalde, a conexión entre o depósito e a rede de abastecemento estará rematada en abril e “garante o cumprimento dun compromiso que tiñamos co Sergas de darlle un servizo de auga sen bombeo e con alta calidade” a Montecelo. Tamén salientou que a actuación no depósito de Castro Senín supón un aforro enerxético importante, por evitar o bombeo, e que permitirá extender a rede ás zonas do rural da marxe esquerda do Lérez.
A capacidade do depósito é de 3.000 metros cúbicos e está situado a unha altura de 210 metros sobre o nivel do mar, o que permite abastecer sen bombeo ata unha cota de 200 metros de altura. Está previsto que xunto ao futuro depósito de Valadares, dea servizo, ademais de a Montecelo e Príncipe Felipe, a Marín e Vilaboa, e a uns 8.000 veciños das parroquias nas que se está instalando neste momento a rede de abastecemento. Neste sentido, Alberto Oubiña lembrou que o Concello, a través das melloras do contrato da auga, está estendendo a rede xeral polas parroquias pero que son os particulares os que deben solicitar a ‘acometida’, isto é, a conexión entre a rede xeral e o domicilio particular. Esta solicitude deben enviala directamente a Viaqua. O concelleiro tamén explicou que a instalación da rede de abastecemento por todo o rural abre unha nova posibilidade de crecemento nas parroquias, posto que para construír novas vivendas se require conexión á rede de abastecemento de auga potable.
Durante a visita, Fernández Lores aproveitou para poñer en valor todo o investimento realizado durante os últimos anos no conxunto das infraestruturas do ciclo da auga, salientando que “nun momento no que hai unha preocupación mundial nesta materia, Pontevedra está á vangarda a nivel de Estado e tamén a nivel europeo e mundial, nos obxectivos marcados na Axenda 2030”. Así, citou que Pontevedra supera o obxectivo do 80% de aproveitamento no abastecemento, situándose desde fai anos no 92,2%. Explicou que na rede municipal só o 7% de auga non se rexistra en contadores, porcentaxe da que se desconta a auga destinada a servizos como Bombeiros ou parques polo que quedaría ao redor dun 3% de perdas. “Cumprimos obxectivos desde fai moito tempo grazas a un traballo moi serio por parte da empresa concesionaria e do Concello para crear unha infraestrutura de calidade” concluíu.