O Concello retoma a xornada para coñecer as últimas tecnoloxías no tratamento dos residuos

Celebrarase en liña (a través do Youtube municipal) o vindeiro xoves, 25 de marzo, ás 16.00 horas. Participarán as 5 empresas máis destacadas do sector no Estado.

A información servirá para elaborar os pregos do novo contrato da xestión de residuos, aos que tamén se incorporarán as ducias de suxestións realizadas durante estes meses pola veciñanza.

A Concellaría de xestión de residuos, que dirixe Raimundo González Carballo, retomará o vindeiro 25 de marzo a “Xornada sobre a xestión de residuos e limpeza pública en Pontevedra” que estaba programada para o pasado 4 de febreiro e que tivo que ser suspendida polo rebrote da pandemia e o incremento dos controis de seguridade.

A xornada será técnica e dará voz aos operadores do sector. Participarán representantes das 5 empresas máis representativas no Estado: Ferrovial, FCC, Urbaser, Acciona e Valoriza. O obxectivo deste encontro é coñecer os modelos de recollida, xestión de biorresiduos, economía circular, uso de enerxías renovables na xestión de residuos e aplicacións das novas tecnoloxías máis punteiros nestes momentos no Estado para, seguidamente, elaborar os pregos do novo contrato da xestión dos residuos no concello.

Raimundo González explicou que é o momento de coñecer todas as propostas existentes, e incorporar aquelas que resulten de interese nun contrato que terá na xestión dos biorresiduos a súa peza capital.

A xornada terá o seu escenario no salón de actos do Pazo da Cultura pero non se autorizará público presencial. Retransmitirase en liña a través da canle de Youtube do Concello de Pontevedra a partir das 16.00 horas e contará coa presenza de:

  • Gemma Leguinagoicoa García (Ferrovial), xerente en innovación urbana e especialista en plantas de tratamento. Falará de “Como afrontarmos un novo modelo de recollida de residuos”
  • Eduardo Fernández Giménez (Urbaser). Director de innovación de Urbaser. Falará de “A innovación aplicada á circularidade na xestión de residuos urbanos”.
  • Víctor Santamaría Ruiz (FCC). Director de estudos área de medio ambiente. Falará de “O desafío da xestión da materia orgánica – análise dos sistemas de recollida. Caso de éxito: modelo húmido-seco da Mancomunidade do Barbanza.
  • Juan Pablo Antillera Corcuera (Valoriza). Director técnico. Falará de “Experiencias de Valoriza no tratamento da fracción orgánica (Australia, Castela A Mancha, Hornillos…)”.
  • Agustín Leal de Lama e Fernando López Zamora (Acciona). Responsable de flota e responsable de proxectos Energy Services, respectivamente. Falarán de “Retos da electrificación na recollida e limpeza viaria” e de “Uso de enerxías renovables na recarga de vehículos”.

Na xornada tomará a palabra o concelleiro de responsable da xestión de Residuos, Raimundo González, que dará a benvida aos asistentes e a técnica de residuos do Concello de Pontevedra, Isabel Couselo, que será a encargada de presentar aos ponentes e de proporlles preguntas.

Trátase dun encontro que resulta de interese para o sector que está formado por moitas empresas vinculadas ao tratamento de residuos, de biorresiduos, de limpeza viaria, de xestión de flotas… polo que a Concellaría xa remitiu o programa e un convite especializado ao sector para que se conecten o xoves pola tarde. Ao tempo, tamén está aberto a todo o público.

Todos os participantes poderán facer preguntas e suxestións a través do chat da canle de Youtube, que serán respostadas ao final da xornada por parte dos técnicos.

Inicialmente tamén estaba prevista unha mesa redonda con veciños, asociacións ecoloxistas e outros colectivos, pero tivo que ser suspendida ante os problemas de aforo do salón de actos do Pazo da Cultura con motivo da Covid.

A Concellaría de Residuos xa traballa na elaboración dos pregos pero con esta última información dará por pechada a fase de participación, que tamén se nutrirá coas ducias de achegas que foi facendo a veciñanza nestes meses, e centrarase de cheo no estudo económico e nos pregos.

Compartir publicación: