Search
Close this search box.

Comezan as obras de rehabilitación integral da rúa da Torre

  • Esta intervención fora retrasada por mor do perigo de derrube dunha nave, que tivo que ser demolida para garantir a seguridade na vía pública e no desenvolvemento das obras
  • Cun orzamento de 91.499,99 euros e un prazo de execución de 1 mes, inclúe a rehabilitación integral do firme con plataforma única e a renovación da iluminación pública

A Concellaría de Obras Urbanas, que xestiona Demetrio Gómez, vén de dar luz verde ás obras de rehabilitación integral da rúa da Torre que tiveran que ser retrasadas ao identificarse unha nave en perigo de derrube e que ameazaba con caer á vía pública. Trátase dunha propiedade que estaba situada no número 5 desta rúa e que tivo que ser demolida para garantir a seguridade tanto na vía pública como no desenvolvemento das obras.

Convén lembrar que esta situación de perigo fora detectada fai dúas semanas, cando estaba previsto que comezaran as obras inicialmente, e a propiedade da nave fora instada por parte do Concello a ocuparse da demolición da edificación. Os traballos para derrubar a nave demoraron o inicio das obras na rúa ao redor de 15 días.

Esta intervención implica a rehabilitación integral do firme con plataforma única, o calmado do tráfico e a renovación da iluminación pública. O deseño desta intervención  será similar ao das vías rurais de Pontevedra por ser o que mellor se adapta á configuración da rúa.

As obras, cun orzamento de 91.499,99 euros e un prazo de execución de 1 mes, enmárcanse dentro do plan de actuacións no Barrio do Burgo que, entre as xa executadas, as que están en execución e as previstas no curto prazo, supoñen un investimento total de 2.850.000 euros. 

Entre as rehabilitacións integrais neste barrio, ademais da rúa da Torre, convén lembrar que están previstas a reforma do parque de Pasarón e a reforma da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, así como a reordenación do tráfico para limitalo ao estritamente necesario para o funcionamento do barrio.

Compartir publicación: