- Os tres primeiros bimestres das taxas de auga, lixo e sumidoiros poderá adiarse ata o 10 de setembro como máximo, previa solicitude na oficina de Viaqua
- Para o imposto sobre vehículos amplíase o período voluntario de pago ata o 7 de agosto, previa solicitude na entidade bancaria para as persoas que teñan o recibo domiciliado
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías informou esta mañá que, no marco do plan de reactivación económica que puxo en marcha o Concello de Pontevedra, o denominado Plan Supera, se está traballando “en fórmulas que faciliten ou melloren a xestión e a liquidez das familias de Pontevedra”. Neste sentido, Anabel Gulías anunciou que os tres primeiros bimestres dos recibos de auga, lixo e sumidoiros, así como o recibo do imposto sobre vehículos poderán ser adiados.
A portavoz do Goberno explicou que o adiamento destes recibos “terá carácter global, é dicir, que non está pensado por sectores económicos senón que está pensado para todos e todas as veciñas que o soliciten”. Asegurou que “tomamos esta medida con carácter global porque, como dixemos moitas veces, si é certo que hai sectores económicos que o están pasando especialmente mal pero tamén hai familias con diferentes casuísticas que se lles complica o día a día”.
No caso dos recibos de auga, lixo e sumidoiros correspondentes aos tres primeiros bimestres do ano, o prazo máximo de pagamento remata o 10 de setembro. Ata esa data, a persoa titular do recibo poderá elixir en que data prefire aboar os recibos e para facelo debe poñerse en contacto coa oficina de Viaqua en Pontevedra. As persoas que non soliciten ningunha modificación, seguirán aboando os recibos nos prazos ordinarios.
No caso do imposto sobre vehículos (IVTM) amplíase o prazo de período voluntario en dous meses máis do habitual, polo que data límite queda establecida no 7 de agosto. As persoas que desexen modificar a data de pagamento e que teñan este recibo domiciliado, deben dirixirse á súa entidade bancaria para devolvelo e pasar a pagalo na nova data escollida. Convén lembrar que a domiciliación bancaria está previsa para o 6 de maio.
Anabel Gulías tamén lembrou que o Concello ten previsto aplicar unha bonificación na taxa de veladores, e asegurou que o cobro desta taxa se adiará ata despois de verán (habitualmente cobrábase no mes de xullo). Explicou que o adiamento da taxa de veladores está determinada pola necesidade de coñecer a evolución das restricións derivadas da situación sanitaria que afectan á hostelaría, en función das cales se aplicará a fórmula de bonificación que máis se axuste ás diferentes casuísticas, como os períodos de peche ou as aperturas parciais