- Desenvolvemento Sostible procederá a ‘xubilar’ tres deses coches de xeito inminente, despois de tentar notificar aos seus propietarios e de publicar no BOE a correspondente resolución
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, está a manter con pulso firme neste comezo de ano a súa ofensiva contra os vehículos abandonados nas vías públicas de Pontevedra. O edil do PSOE vén de asinar nas últimas semanas dez novos requirimentos de retirada de coches, acumulando o Concello un total de 22 expedientes abertos por este motivo no que vai de 2021 (cinco deles relativos a bicicletas). Tres deses coches serán ‘xubilados’ de xeito inminente pola firma autorizada Automociones Catoira SL, despois de que o Servizo de Disciplina Urbanística, Medio Ambiental e Policía Administrativa tentase localizar sen éxito aos seus propietarios e procedese a notificar no Boletín Oficial do Estado (BOE) a correspondente resolución.
En concreto, están a piques de seren retirados das nosas rúas e de recibir tratamento como residuos sólidos urbanos un Volkswagen Golf negro en estado de falta de conservación e con sinais de abandono entre a rúa Losada Diéguez e a avenida de Juan Carlos I; unha furgoneta Nissan Vanette abandonado no estacionamento interior da rúa Alcalde Hevia e un automóbil de marca Daewoo nas mesmas condicións no número 14 da rúa dos Cruceiros, na parroquia de Lérez. Tal e como explica Iván Puentes, no oficio publicado no BOE polo servizo municipal de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental, “nestes tres casos, tendo en conta o tempo transcorrido, sen que se alterara o estacionamento, o estado de falta de conservación e os sinais aparentes de abandono, requírese aos titulares para que, no improrrogable prazo dun mes, se proceda á súa retirada ou á súa entrega nun centro autorizado de tratamento e instalación de recepción”.
“Advírtese que, pasado o citado prazo sen dar cumprimento ao requirido, esta Administración poderá adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei 10/2008 de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que prevé sancións de entre 603 e 31.000 euros para supostos de infracción grave, procedéndose ademais á retirada dos vehículos polo guindastre e dándoselle tratamento como residuo sólido. Durante este prazo dun mes poderán formularse as alegacións que se estimen pertinentes”, sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.
Ademais, Puentes asinou requirimentos de retirada dun Peugeot 205 abandonado á altura do km. 05,800 da estrada PO-542 (Bora-O Pino); un Mercedes Benz no lugar de A Peralba, na parroquia de Marcón; un Opel Vectra á altura do número 57 da rúa das Pereiras; un Rover na rúa Ernestina Otero Sestelo; un Citroën ZX no lugar de Xistro (Salcedo); unha Citroën C-15 nas proximidades do número 5 da rúa Benito Vicetto, e unha Opel Combo abandonada en Augusto García Sánchez. Segundo indica o edil socialista, “a través destes oficios tramitados nas últimas semanas requíreselles aos propietarios que, no improrrogable prazo de 15 días procedan á súa retirada ou entrega nun centro autorizado”.
“Estes expedientes atópanse en prazo de audiencia e, antes de proceder á retirada, o Concello ten que comprobar a recepción da notificación. En caso de que os supostos propietarios non a reciban teremos que recorrer tamén a notificar mediante publicación no BOE”, apunta Iván Puentes.
Unha vez se produza a declaración definitiva dos vehículos como residuos sólidos urbanos, a firma autorizada Automociones Catoira SL poderá proceder á súa retirada e tratamento, expedindo os documentos xustificativos da recepción dos automóbiles, emitindo os correspondentes certificados de descontaminación e destrución e tramitando a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico.
O artigo 106 do texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria establece que a Administración competente poderá ordenar o traslado dun vehículo a un centro autorizado de tratamento para a súa destrución e descontaminación cando transcorresen máis de dous meses dende que o coche fose inmobilizado ou retirado da vía pública e depositado e o seu titular non formulase alegacións; cando permaneza estacionado por un período superior a un mes no mesmo lugar e presente desperfectos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula, e cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente deste nun recinto privado, o seu titular non o retirase no prazo de dous meses.