Con esta ampliación o departamento de xestión de residuos, que dirixe Raimundo González, dá servizo a unhas 70 rúas. As novas son o ámbito de Rosalía de Castro, Manuel del Palacio, avenida de Vigo e a Moureira tradicional.
Dende hoxe comezarán as visitas domiciliarias para informar do programa, entregar a tarxeta para abrir o colector, o caldeiro e as bolsas compostables. Todo o ámbito xa recibiu información nos seus caixóns de correo a pasada semana.
A Concellaría de residuos urbanos que dirixe Raimundo González Carballo, iniciou onte o despregue da ampliación do servizo de Composta a 30 rúas máis do centro urbano, recollendo o groso da Moureira tradicional, o ámbito de Rosalía de Castro-Manuel del Palacio, e parte da avenida de Vigo. O Plan Composta consiste na implantación e recollida de biorresiduos en colectores na cidade.
Os 20 novos colectores de cor marrón -característicos deste programa- xa están na rúa e os trípticos con toda a información, nos caixóns de correo dos posibles participantes nesta segunda fase de Composta. Hoxe mesmo comezaba a visita aos domicilios dos primeiros veciños e veciñas deste ámbito para informar do programa, entregarlles información escrita, unha tarxeta, un caldeiro e un paquete de bolsas reciclables.
As persoas interesadas tamén poden inscribirse na páxina web composta.pontevedra.gal que dende a pasada fin de semana xa ten habilitadas todas as novas rúas participantes nesta segunda fase do programa. De feito, en día e medio inscribíronse 25 domicilios que serán dos primeiros en visitar nesta semana para facerlles entrega do kit de compostaxe.
A ampliación
A ampliación do Plan Composta chega á Moureira tradicional, dende Arcebispo Malvar até a rúa Echegarai e a avenida do Uruguai.
No ámbito de Rosalía de Castro chegará até Manuel del Palacio, que tamén se incorpora á recollida ao igual que un tramo da avenida de Marín.
E no ámbito da avenida de Vigo, a recollida chegará a varias rúas perimetrais como Xermán Adrio ou a propia avenida de Vigo até sanidade, aproximadamente.
Segundo explicou o concelleiro delegado do servizo, Raimundo González, con esta segunda fase de Composta o sistema de recollida a través do colector marrón está na “Pontevedra máis compacta”. Ademais, están a estudo zonas pendentes de implantar como a praza de Barcelos na que os veciños e veciñas pediron os dous sistemas de compostaxe (comunitaria e colector marrón).
Programa de compostaxe
O concelleiro amósase satisfeito co resultado do programa de compostaxe. Na actualidade xa están repartidos arredor de 3.000 composteiros individuais nas parroquias do rural; instalados 28 centros de compostaxe e ampliarase con 8 centros máis, e agora amplíase a ruta de recollida do colector marrón: composta, no que participan máis de 1.800 domicilios e 200 establecementos da primeira fase do programa.
“Avanzamos ben. O sistema está en velocidade de cruceiro tendo en conta a situación sanitaria que se está a vivir”, explicou Raimundo González quen indicou que a Covid impide facer reunións nas parroquias, encontros con veciños para implantar a compostaxe comunitaria ou, incluso, houbo que suspender nalgunha ocasión a campaña porta a porta de Composta.
Composta Rosalia de Castro Composta Manuel del Palacio Composta Avenida de Vigo Composta Avd. do Uruguai