Deportes investirá 15.000 euros en dotar ao antigo ximnasio da Once dunha tarima de madeira con alta capacidade de absorción de impactos

  • Trátase dunha mellora que non estaba recollida no proxecto inicial de reforma do edificio e que permitirá instalar un pavimento de alta resistencia para os tatamis de taekwondo e as pistas de esgrima 

A Concellería de Deportes realizará un investimento extra de 14.734,50 euros no proxecto de reforma do antigo ximnasio da Once para dotar a súa pista polideportiva dunha tarima de madeira de alta durabilidade e resistencia. Aínda que esta mellora non estaba recollida inicialmente no proxecto de restauración integral que Construcciones Ramírez SL acomete dende finais do ano pasado, o estado de deterioramento que presenta o actual pavimento (debido a humidades e a desgaste por uso) e a utilización intensiva prevista levaron ao departamento que dirixe Tino Fernández e ao xefe da Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas e Enxeñería (OTMAIE), Ángel Velando, a incluír nas obras a instalación de tarima de alta durabilidade e resistencia.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes explica que o chan do antigo ximnasio da Once “ten máis un uso de amortecemento de impacto e tránsito que propiamente deportivo, xa que os practicantes de esgrima e taekwondo teñen as súas propias pistas e tatamis”. “O que se busca é unha tarima que teña alta capacidade de absorción e que achegue maior confort. Estas obras serán tamén executadas por Construcciones Ramírez SL, comezarán de xeito inminente e coordinaranse coas demais actuacións de reforma das instalacións, cuxa finalización está prevista para a primavera”, sinala Tino Fernández.

O proxecto de rehabilitación en marcha, que contempla a eliminación dos problemas de humidade e condensación que presenta o edificio do antigo ximnasio da Once e convertelo nun espazo eficiente a nivel enerxético e óptimo para os adestramentos, suporá un investimento de 448.636,94 euros (aos que hai sumar os case 15.000 da mellora do pavimento), confinanciado cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Administración Local a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) ‘Máis Modelo Urbano Pontevedra’. A reforma do ximnasio (composto por dous volumes: o de maior tamaño, de dous andares, destinado á realización de actividades deportivas, e outro máis pequeno, no que se sitúan os vestiarios e o despacho) consta de varias intervencións relacionadas coa mellora das condicións térmicas da envolvente no volume dedicado a pista deportiva; a optimización das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria (ACS); a instalación dun sistema de ventilación; a adecuación das condicións de accesibilidade; a adaptación á normativa de incendios, e o mantemento e reparación da estrutura de formigón.

Renovación dos canlóns e baixantes do pavillón do CEIP de Xeve

O concelleiro de Deportes tamén asinou esta mesma semana a proposta para a contratación do proxecto de substitución de canlóns e baixantes no pavillón do CEIP de Santo André de Xeve, que executará a empresa Canal Redondela SL cunha achega de 4.364,29 euros. O socialista Tino Fernández lembra que o Concello de Pontevedra xa investira outros 10.000 euros na realización de diversos traballos de mellora nestas instalacións deportivas, incluíndo o acolchado de seguridade da bancada de formigón (cunha base de escuma de poliuretano de 40 mm. de grosor e o forrado con tela de PVC de 1 mm. de espesor) e a reparación dos vestiarios (esencialmente fechaduras, manillas e alicatados) e da estrutura translúcida da fachada.

Compartir publicación: