Desenvolvemento Sostible destina 17.000 euros á restauración integral e mellora da seguridade do parque infantil da Illa das Esculturas

  • O departamento que dirixe Iván Puentes vén de iniciar unha actuación que abrangue a mellora do amortecemento do pavimento cunha achega de máis dunha tonelada e media de árido (‘garavanciño’)
  • O edil Iván Puentes explica que os traballos de renovación tamén inclúen “a eliminación de estelas e irregularidades na madeira duns elementos de xogo moi singulares e cun uso intensivo”

Tan só uns días despois de finalizar a reforma da área de xogos da Seta no barrio de Campolongo, a empresa Garocaprim SL acaba de poñer en marcha os traballos de restauración integral e mellora das condicións de seguridade do parque infantil da Illa das Esculturas. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, investirá 16.942,90 euros na execución destas obras, que incluirán a optimización das condicións de amortecemento do pavimento coa retirada da actual base e o incremento da súa densidade mediante a achega de máis dunha tonelada e media de árido (‘garavanciño’).

Ao igual que aconteceu coas reformas levadas a cabo nos espazos de lecer infantil da Praza de Europa (Monte Porreiro), a Cidade de Pedra, os antigos terreos de Tafisa e A Seta, a renovación do parque da Illa das Esculturas é o resultado dunha auditoría previa realizada pola firma especializada Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar a seguridade de tódalas zonas de xogo da cidade, verificar que respectan a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) cando cumpren con esas directrices. 

“Como consecuencia desta auditoría -sinala Iván Puentes- estableceuse a necesidade de abordar unha serie de melloras específicas para este parque tan singular, cuxos elementos de xogo teñen propiedade intelectual e están elaborados en madeira de robinia procedente de Serbia, que é tremendamente resistente e que non apodrece, pola prestixiosa empresa alemana SIK-Holz”.

Material que mellorará a absorción de impactos desde altura

Segundo explica, trátase duns traballos “bastante laboriosos, en especial no que se refire á mellora do pavimento, xa que suporá a retirada e almacenaxe duns 15 metros cúbicos de áridos e o seu reforzo con máis de tonelada e media de ‘garavanciño’”, o que mellorará “a capacidade de absorción de impactos desde certa altura nun parque infantil con algúns xogos xa teñen algo de distancia co chan”. Asemade, retiraranse tódalas madeiras danadas ou en mal estado e substituiranse por pezas novas (ao igual que os parafusos), renovaranse os elementos de corda dos xogos e farase un tratamento e lixado de toda a madeira, eliminando estelas e irregularidades que poidan resultar perigosas. Tamén se lixarán e pintarán aqueles elementos decorativos que xa estaban pintados previamente, como tellados, mesas e tótems.

Iván Puentes lembra que, polo seu emprazamento “próximo ao campus, ás pistas deportivas e ao quiosco da Illa das Esculturas, trátase dun parque cun uso moi intensivo” e agarda que os operarios de Garocaprim SL poidan ter rematadas todas estas actuacións “ao longo da vindeira semana”.

Entre as estruturas de xogo que se poden atopar neste parque están un bambán alfombra voadora, unha randeeira cesto, un resorte mariquiña pequena, un balancín dobre ‘Abellas’, un resorte ‘Pato pescozo verde’, un conxunto para picnic en familia, un resorte triplo ‘O crocodilo’, unha combinación Kletterwald, un bambán dobre, un resorte ‘Peixe dourado’, un balancín ‘postura en pé’ e unha combinación ‘Indio I’. 

Compartir publicación: