Boa acollida veciñal do proxecto de reforma da praza de Barcelos

  • A veciñanza que desexe facer suxestións e achegas ao proxecto básico de reforma poderá envialas a través da páxina web do Concello

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez mantivo onte a xuntanza en liña con preto de medio cento de veciños e veciñas da praza de Barcelos para poñer en común os aspectos básicos da reforma da praza. Como vén sendo habitual neste tipo de xuntanzas, Demetrio Gómez amosou a través de planos e infografías como resultaría a ‘nova’ praza tras a reforma, explicando como se contemplan as zonas destinadas a diferentes usos: xogos infantís, pistas deportivas, zona de patio para o centro educativo, zonas de sombra,  itinerairos peonís e sentido da circulación rodada.

Por parte da veciñanza, as principais dúbidas formuladas xiraron ao redor da renovación de servizos, que ao igual que en todos os proxectos de reforma neste tamén está contemplada, os distintos tipos de materiais que se empregarán no proxecto, as dimensións dos diferentes espazos dentro da praza tras a reforma e a usabilidade en termos xerais por parte de públicos con distintas tipoloxías. Entre as achegas que xurdiron no transcurso da asamblea, tomouse nota da posibilidade de destinar algunha área a algún tipo de xogo tradicional (como a chave, a pentanca ou a rá), ou a necesidade de corrixir en obra distintos niveis de altura nas entradas a garaxes. En todo caso, Demetrio Gómez convidou á veciñanza a mirar polo miúdo o proxecto na web do Concello e trasladar, pola mesma canle, as achegas e suxestións que vexan pertinentes co obxecto de estudalas e, no caso que proceda, incorporalas ao proxecto de execución.

Convén lembrar que o proxecto básico de reforma da praza de Barcelos contempla un orzamento para esta intervención de 5.792.987 euros e, a grandes rasgos, implica unha nova distribución tanto dos espazos da praza como da circulación perimetral de cara a favorecer a actividade comercial. As áreas infantís quedarán situadas cara a unha zona máis central da praza e duplícase o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogos. Tamén se cambia de ubicación e se incrementa o espazo dedicado a usos deportivos que, ademais das pistas, contemplan mesas para a práctica de tenis de mesa, ao tempo que se incrementan as zonas de sombra e as zonas verdes, coa instalación dunha pérgola central e o redeseño das áreas arboradas.

No relativo a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, redeséñase toda a circulación perimetral da praza, o que implica a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do parking soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.

Compartir publicación: