- Denuncia muros de sostemento en mal estado, beirarrúas co pavimento roto e fendas de gran envergadura, e ausencia de pasos de peóns sobreelevados e de redutores da velocidade
- O Concello ofrece colaboración económica para dotar o vial dos estándares de seguranza peonil básicos para a veciñanza da parroquia
“Non é unha cuestión estética nin de pequenos arranxos, é unha cuestión de perigo real para os veciños e para as veciñas da parroquia” aseguraba esta mañá o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña en relación ás necesidades de arranxo do vial autonómico P0-546 que atravesa Lourizán. Alberto Oubiña anunciou que, á vista das graves deficiencias que presenta esta estrada, o Concello exixiralle formalmente á Xunta de Galicia que se ocupe do seu arranxo e acometa unha reforma integral.
O concelleiro tamén indicou que esta exixencia chega despois de que a Asociación de Veciños ‘Estriceres’ teña solicitado o arranxo do vial en varias ocasións a través do Rexistro Xeral da Xunta, sen que ata o momento obtivesen resposta. Neste sentido, Alberto Oubiña adiantou que o Concello mesmo está disposto a colaborar economicamente co ente autonómico para dotar a esta estrada dos estándares de seguranza peonil básicos.
Oubiña explicou que a estrada PO-546, que vai desde a rúa Rosalía de Castro en dirección Marín, soporta un volume elevado de tráfico, entre o que se inclúe o tráfico pesado de camións que entran e saen diariamente da planta de Ence, e que o mal estado de conservación, así como a ausencia de elementos redutores da velocidade, supoñen un perigo diario para os e as usuarias da vía.
Entre as deficiencias da PO-546 citou muros de sostemento en mal estado, beirarrúas co pavimento roto e fendas de gran envergadura, pasos de peóns insuficientes, pasos de peóns coa pintura deteriorada, e ausencia de pasos de peóns sobreelevados e de redutores da velocidade. Concretamente, mencionou a situación da beirarrúa entre os números 34 e 56 da avenida Montero Ríos que, ademais de non ter largura suficiente para acoller usuarios ou usarias en cadeiras de rodas ou carriños de bebé, presenta fendas e problemas de sostemento. “Parece que está sostida directamente polas silveiras” asegurou, en relación ao deterioro que este tramo de beirarrúa esá a sufrir pola marxe que dá cara a un desnivel do terreo.
Por último, Alberto Oubiña lamentou que o Partido Popular votara en contra en sede parlamentar da enmenda aos orzamentos presentada polo deputado nacionalista, Luis Bará, para que a Xunta acometese a reforma integral deste vial. “Agardamos que agora lle dean unha pensada” insistiu Alberto Oubiña, reiterando o ofrecemento do Concello a colaborar economicamente nesta actuación.