- A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías asegura que “non é o momento para darse por vencidos, e que é necesario construír e chegar a un acordo vital para o sector”
A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías asegurou esta mañá que “o Concello de Pontevedra está disposto a chegar a un acordo coa Administración competente, coa Xunta de Galicia, para poñer enriba da mesa recursos inmediatos para a creación deste fondo estrutural que afecta a centos de persoas na nosa cidade”. A portavoz do Goberno referíase así ao que denominou “o fracaso que tiveron as reunións entre Xunta de Galicia, Deputacións e Fegamp” para a creación dun fondo estrutural destinado aos sectores da hostalería e turismo.
“Nós desde a semana pasada vimos insistindo na necesidade dun acordo urxente, que é vital para subsanar a situación económica na que se atopa a hostalería e moitos outros sectores, derivada deste peche e desta situación de pandemia” asegurou Anabel Gulías, ao tempo que volvía reiterar a disposición do Concello “máis unha vez a tender a man á Xunta de Galicia para chegar a acordos” por entender que “non é o momento para darse por vencidos, non é o momento de perder o tempo en pequenos detalles senón de construír entre todas e entre todos e cremos que debemos seguir negociando porque o sector merece que fagamos todos os esforzos que sexan posibles”.
Segundo explicou Anabel Gulías, este ofrecemento de negociación responde a que “sería a vía máis positiva e máis rápida para acadar resultados inmediatos”. Ademais, tamén informou de que, desde o Concello de Pontevedra se sigue avanzando no traballo relativo ás axudas do Plan Supera 21 reuníndose con asociacións profesionais (a semana pasada reuníuse coa Asociación de Hoteleiros da cidade) co obxecto de incorporar posibles achegas para a redacción das bases. “Seguiremos escoitando, traballando e tomando todas as anotacións para neses próximos fondos Supera 21 poidamos prestar a axuda necesaria”.