O Concello recorda que os trámites ante o Padrón municipal son de balde e alerta dunha posible estafa

Varios veciños e veciñas de Pontevedra veñen de poñer en coñecemento do Concello unha suposta estafa por parte dunha empresa privada en relación aos trámites que se realizan no servizo do Padrón municipal. O Concello quere deixar claro que todos os trámites que se realizan ante o Padrón Municipal son de balde. 

O Concello vén de coñecer varios casos de persoas que querendo facer trámites no Padrón de Pontevedra, se puxeron en contacto cunha empresa que lles cobrou 39 euros por unha tramitación que tanto a través da sede electrónica municipal (sede.pontevedra.gal) como persoalmente nas oficinas da planta baixa de Michelena, 30, non teñen custe algún para o cidadán. Ademais, algunhas das tramitacións ofrecidas e xa cobradas pola empresa nunca se chegaron a facer na oficina do Padrón.

O Concello roga aos cidadáns que antes de facer contratación algunha con calquera empresa para xestionar altas, baixas, correccións… no Padrón Municipal, que se poñan en contacto co Concello para cerciorarse de que esta tramitación non ten custe, e que a poden realizar eles mesmos tanto a través da sede electrónica como nas propias dependencias municipais.

O Concello lembra que o Padrón so cobra pola emisión duns poucos documentos oficiais que están regulados por unha taxa municipal.

Ante esta información, a Policía Local abrirá unha investigación para coñecer o alcance desta suposta estafa.

Compartir publicación: