O Concello de Pontevedra iniciou esta mañá o proceso de participación dos Orzamentos 2021 coas Federacións de veciños Castelao e Teucro. Esta quenda de participación continúa pola tarde coa reunión do Consello Económico e Social, no que están representados as entidades empresariais, sociais e políticas do Concello tamén para coñecer as contas do ano que vén.
O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, acompañado da portavoz do Goberno, Anabel Gulías expuxeron as liñas básicas do orzamento para o vindeiro ano.
Explicaron que se fará un orzamento en dúas fases co obxectivo de iniciar a recuperación económica post-covid: a primeira corresponde ao documento que se lle presentaba hoxe que supera os 80 millóns de euros, e a segunda virá sobre o mes de abril cando se incorporen os remanentes de tesourería liquidados do orzamento 2020, arredor de 20 millóns de euros.
Ao respecto da reunión veciñal, o Goberno quedou comprometido a volver a reunirse na segunda quincena de febreiro para abordar outras demandas concretas que se poderán incorporar á segunda fase do orzamento.