- O Concello vén de convidar a 5 estudos de arquitectura a presentar propostas para a rehabilitación do edificio da praza de España, coa accesibilidade e a recuperación da primeira planta como premisas fundamentais
- O programa de necesidades e usos propón destinar a planta principal a acoller sesións plenarias, vodas, cerimonias de bebés e recepcións protocolarias
- Tamén contempla dúas entradas diferenciadas, unha pola praza de España e outra pola rúa da Alhóndiga
A concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, vén de anunciar que en xaneiro o Concello contará cun anteproxecto para a rehabilitación da Casa Consistorial da praza de España. Gulías explicou que se deseñou un programa de necesidades para esta rehabilitación, que marca as diferentes fases e define os usos do edificio de cara ao futuro, e no que se basearán os 5 estudos de arquitectura para presentar propostas.
Os cinco estudos escollérónse desde a oficina técnica municipal de arquitectura “en función das restauracións de outros edificios que resultaban de interese” indicou Gulías. Tamén asegurou que se “puntuarán en maior medida aquelas solucións que garantan a accesibilidade universal dunha forma sinxela e funcional para que poidamos vencer o problema da conexión vertical de todo o edificio”. Os estudos convidados son Mauro Lomba, Garitanaindía, RVR Arquitectos,Uña y Amandi Arquitectos e Rodríguez Pintos Arquitectos.
Segundo explicou a concelleira, o programa de necesidades e usos recolle as seguintes cuestións:
- Accesibilidade: garantir a conexión vertical de todo o edificio
- Organización xeral do edificio: habilitaranse dúas entradas, quedando a entrada principal da praza de España para usos institucionais e protocolarios, e a entrada posterior pola rúa da Alhóndiga como entrada funcional para persoas que van realizar trámites ao Concello
- Rehabilitación da primeira planta cos seguintes espazos e usos:
- Salón de plenos: debe cumprir o requisito de acoller sesións plenarias públicas e con cabida para o maior número de persoas posible, con instalación para retransmisión por streaming. Sería un espazo versátil no que tamén se celebrarían outros actos como as vodas e as cerimonias de bebés. Estaría ubicado cara a fachada principal da praza de España
- Sala de Comisións: anexo ao Salón de Plenos e con capacidade suficiente para atender a distancias e medidas Covid
- Sala de recepcións protocolarias: estaría situada fronte ao Salón de Plenos, cara a fachada posterior do edificio. Estaría destinada a recibir persoas doutras institucións, e incluiría unha área de traballo para o persoal municipal de Protocolo.
- Sala de usos polivalentes
- Almacén e aseos
- Planta baixa: seguirá acollendo as actuais oficinas de Servizos Técnicos pero realizaríanse pequenas intervencións como o acceso pola rúa da Alhóndiga, e o tratamento do forxado de madeira e demolición do falso teito.
- Planta do semisoto: seguirá acollendo os arquivos municipais mentres non se adopte unha solución para o seu traslado, e no futuro este espazo será destinado a albergar dependencias de carácter sociocultural.
Anabel Gulías lembrou que este estudo de necesidades e uso chega tras anteriores intervencións xa realizadas no edificio como foron o arranxo da estrutura, fachadas e cubetas; a reparación e recuperación de todas as fiestras; o tratamento e protección contra a carcoma; e o illamento térmico e acústico.