- As obras desta instalación lumínica na ponte das Correntes, na dos Tirantes e na pasarela peonil da Illa das Esculturas rematan a vindeira semana e tras un breve período de probas, armonizarase a iluminación destas tres pontes coa do Burgo
- O espectáculo ornamental con luces de cores que se realiza cada noite durante 5 minutos na ponte do Burgo tamén se realizará, no mesmo horario e durante o mesmo tempo, na ponte das Correntes. O resto do tempo, as catro pontes permanecerán iluminadas con luces brancas.
“O ano 2021 vaille traer a Pontevedra un cambio na súa paisaxe nocturna” asegura o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, en referencia a entrada en funcionamento da iluminación ornamental en catro pontes da cidade. As obras de instalación lumínica na ponte das Correntes, na ponte dos Tirantes e na pasarela peonil da Illa das Esculturas estará rematada a finais de ano e a comezos de xaneiro realizaranse probas nocturnas para axustar a iluminación e armonizala coa que xa está operativa na ponte do Burgo.
Este proxecto de iluminación, adxudicado á empresa Setga por un orzamento de 430.000 euros, fora suspendio por mor da Covid (por dificultades para cumprir prazos pola imposibilidade de que os provedores fixesen chegar as pezas necesarias en tempo) e retomado a finais do pasado mes de novembro O concelleiro de Obras asegurou que as obras que están a piques de rematar son “froito do traballo avanzado e de primeira liña mundial que realiza a empresa Setaga e que a todos e a todas ten que facernos sentir moitísimo orgullo”. Convén lembrar que Setga tamén se ocupara do proxecto de iluminación da ponte do Burgo, para o que deseñara elementos ad hoc respectando tanto o patrimonio como o medio, cunha instalación acorde cos estándares de redución da contaminación lumínica e da emisión de fluxos luminosos, e que agora tamén se aproveitan nas outras tres pontes.
Tras o remate das obras, a comezos de xaneiro realizaranse probas nocturnas para axustar a iluminación de cada unha das pontes e tamén para armonizala no seu conxunto. Así, a ponte das Correntes, tal e como estaba previsto, contará con 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidable e con control único programable. Isto quere dicir que contará cun sistema de acendido de luces de cores similar ao que se instalou na ponte do Burgo. Deste xeito, o espectáculo ornamental con luces de cores que se realiza cada noite durante 5 minutos na ponte do Burgo tamén se realizará, no mesmo horario e durante o mesmo tempo, na ponte das Correntes. O resto do tempo, as catro pontes permanecerán iluminadas con luces brancas.
Na ponte dos Tirantes quedarán instaladas luces brancas pra iluminar os tirantes e as columnas, substituíndo os proxectores actuais, e tamén se iluminará o taboleiro. Mentres, na pasarela peonil quedarán instalados cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.