- O orzamento do proxecto ascende a 1.547.903,10 euros e ten un prazo de execución de oito meses
- A reforma permitirá destinar dous andares a residencia para persoas con parálise cerebral de Amencer-Aspace, outros dous andares para Amizade-Cogami, e o resto para acoller diferentes asociacións veciñais e entidades sociais
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, anunciou que a Xunta de Goberno local aprobou na súa sesión desta mañá o expediente de contratación das obras de reforma do edificio Centro Sur por un importe de 1.547.903,10 euros e un prazo de execución de oito meses.
Trátase, segundo explicou Anabel Gulías “dun dos proxectos máis ambiciosos e máis cuantiosos que temos dentro da Estratexia EDUSI e que para nós é un punto forte durante este mandato porque nos permite dotar de maiores infraestruturas tanto sociais como veciñais á cidade de Pontevedra”. A reforma do edificio implica a súa reformulación de cara a destinar dous andares a residencia para persoas dependentes con servizos de atención diurna que xestionará Amencer-Aspace, outros dous andares destinaranse a Centro de Día de Amizade-Cogami, e o resto a acoller diversas entidades veciñais e sociais como Amigos de Campolongo, Salcedo Sur, IGADI, a Polifónica, ou o Fondo de Cooperación entre outras.
Este proxecto de reforma implica, nesta primeira fase, o reforzo da estrutura do edificio, habilitar accesos diferenciados para os diferentes usos, instalar un ascensor e acondicionar os dos dous andares destinados á residencia de Amencer-Aspace, que contará con capacidade para 32 prazas (16 prazas por andar).
Anabel Gulías indicou que a obra “ten certa complexidade administrativa”, xa que precisa permisos sectoriais da Xunta de Galicia relativos tanto á construción do centro como aos requirimentos para desenvolver a actividade, e que xa están solicitados e incorporados ao procedemento de contratación. Tamén avanzou que xa se iniciou na Secretaría municipal o proceso de concesión demanial para que Amencer-Aspace se faga cargo da actividade e do mantemento da residencia.
O proxecto de reforma do edificio Centro Sur está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.