A nova vía de Tafisa a Monte Porreiro xa ten a primeira capa de asfaltado

A Concellaría de Obras que dirixe Demetrio Gómez fixo seguimento dos traballos que se centran na creación dos elementos que delimitan a calzada.

Mantense o plan de traballo a pesar dos atrancos vividos neste ano: ralentización polos protocolos Covid e diferencias coas empresas Telefónica e Fenosa.

As obras de construción da nova vía de acceso a Monte Porreiro dende Tafisa e a través dos Campos vai superando fases a pesar dos atrancos que foron aparecendo na súa execución. A Concellaría de Obras que dirixe Demetrio Gómez comprobou esta semana que a escavación está rematada, o trazado completo e a primeira capa de rodadura (asfaltado) botada, e comeza a instalación dos elementos que delimitan a calzada: bordos, canalizacións de pluviais, sumidoiros, beiravías e beirarrúas.

O plan de obra mantense a pesar dos diversos atrancos que se viviron neste 2020. Por un lado a pandemia que obrigou a ralentizar certos traballos para axustarse aos protocolos Covid, e por outro as difíciles relacións coas empresas Fenosa e Telefónica para a retirada das súas instalacións no entronque dos Campos, traballos que foran previamente aprobados por ambas compañías e con consignación orzamentaria para asumir o cambio. As obras rematarán entre os meses de febreiro e marzo, como estaba previsto.

Esta vía servirá para conectar o barrio de Monte Porreiro coa trama urbana e contribuír a retirar tráfico innecesario da beira do río Lérez. O concelleiro de Obras destacou que este tipo de acceso “insírese dentro dos novos viarios que se constrúen na cidade, como é o caso do novo acceso a Montecelo e do by-pass de Mollavao que sumado a este, contribúen a retirar tráfico da malla urbana acentuando así o Efecto PO2 e a preferencia peonil”.

Acceso a Monte Porreiro 

Esta nova estrada, de 605 metros, terá dous carrís de tráfico, de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros. Incluirá os parámetros de calmado de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do modelo Pontevedra. 

A execución do proxecto inclúese dentro do convenio asinado coa Deputación  de Pontevedra mediante o cal o organismo provincial se ocupou da expropiación dos terreos e o Concello asume a execución da obra. O orzamento da vía ascende a 1.576.674 euros entre proxecto e expropiacións.

Convén lembrar que o novo acceso a Monte Porreiro está incluído dentro do proxecto de creación do núcleo de centralidade dos Campos integrado, tamén, polo novo Local social e polas oficinas do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Todas estas intervencións que se executan simultaneamente teñen un orzamento global de 2,3 millóns de euros.

E, finalmente, completarase coa urbanización de toda a área na que se busca reordenar o tráfico eliminando o actual cruzamento da zona para transformalo nun espazo con carácter de praza pública.

Compartir publicación: