O concelleiro Alberto Oubiña presentou hoxe o proxecto definitivo que ten un custe próximo aos 500.000 euros e unha superficie de 17.500 m2.
Está prevista unha pradaría arrodeada de árbores e arbustos con elevacións do terreo para minimizar o impacto visual do tren, da depuradora e da autovía.
A Concellaría de Rural que coordina Alberto Oubiña vén de recibir o proxecto de execución para crear o Parque da Dignidade na parroquia de Lourizán, nos antigos terreos do campo de fútbol. Este proxecto, que ten un orzamento de 485.066,31 euros, busca crear un parque urbano en Praceres, poñendo en valor esta parcela que a día de hoxe está bastante degradada e que no seu día formou parte da praia de Praceres.
O proxecto está consensuado coa Plataforma de Lourizán, Non á ampliación da depuradora, e incluso foi redactado por Martín Toimil e Pablo Peón, este último arquitecto natural da parroquia que buscou minimizar o impacto visual dos elementos que arrodearán este parque de 17.525 m2: o tren, a autovía e a depuradora.
Para conseguir este obxectivo óptase por elevacións do terreo (de feito unha das partidas máis importantes é a achega de terra) así como a plantación de especies arbustivas que creen unha diversidade cromática na zona e arborado autóctono como castiñeiros, carballos, bidueiros, freixos, tilos… Todo con rego automático e iluminación.
Esta zona de arborado arrodeará unha pradaría central con camiños para configurar este lugar de esparexemento dos veciños e veciñas da parroquia pero tamén da cidade.
O proxecto está listo para enviar ao Ministerio de Fomento para tramitar a autorización de Costas do Estado por un período de dous anos. O concelleiro do Rural Alberto Oubiña quere empezar coa presentación do proxecto definitivo aos veciños de Lourizán cando a situación da pandemia o permita. Tamén ten intención de sacalo a licitación no vindeiro ano.